Vitae celebra en outubro a 20ª edición do seu curso para capacitar avaliadores de perfís TI

martes, 29 de agosto do 2023 S. P.

Para rematar o verán, nada mellor que dar un novo impulso ao noso coñecemento informático con vistas a mellorar o noso labor profesional. Vitae Consultores recibiranos ao remate da tempada estival coa 20ª edición do Curso Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI. Serán 15 de horas de formación, a celebrar os días 3, 5, 10, 17 e 19 de outubro de 2023.
Proporcionaranos as ferramentas psicolóxicas básicas para avaliar a un profesional e garantir, deste xeito (achegando formación e capacitación a quen avalía), que os procesos de selección teñan a mellor base posíbel. Segundo explican dende Vitae, “coñecernos a nós mesmos é clave para lograr a meirande obxectividade na avaliación das candidatas e candidatos”.
En termos máis concretos, neste curso da consultora tecnolóxica galega Vitae proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento profesional e para a avaliación doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño que se use. Amais, achegarase aos participantes a metodoloxías e ferramentas coas “que xa se conseguiron porcentaxes de éxito de máis do 90% en materia de selección de perfís TI (Tecnoloxías da Información), incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE