Vitae brinda en novembro a 2ª edición dun curso que explora as posibilidades do sistema Git

mércores, 25 de outubro do 2023 S. P.

A consultora tecnolóxica Vitae Consultores vai organizar este mes de novembro a segunda edición do curso sobre Git, Control de Código Compartido. Celebrarase os días 20, 22, 27 e 29 de novembro de 2023 e inclúe 12 horas de formación.
En termos xerais, o curso móstranos como mellorar o control e a xestión do código nuns tempos, os actuais, nos que proliferan diferentes documentos coa información dos nosos programas e ferramentas, documentos que logo son sometidos a cambios diarios, revisións, aprobacións ou mesmo procesos de volta atrás.
Ante este panorama de múltiples participantes cada vez máis deslocalizados xorde precisamente este curso, que porá o foco nas posibilidades do sistema Git, que permite optimizar a xestión “e moito máis”, segundo explican fontes de Vitae, que tamén centrará os contidos do curso na capacidade de servizos como GitHub ou GitLab, e en fluxos de traballo estándar como GitFlow.
Que é Git?
Git é un sistema de control de versións (VCS) que traza os cambios en ficheiros e permite a coordinación de traballo en grupos de moitas persoas. Emprégase principalmente no desenvolvemento de software, pero tameń para xestionar traballos sobre calquera tipo de ficheiros. É un sistema de control de versións distribuído orientado á ser rápido, manter a integridade dos datos, e soportar modelos de traballo distribuídos e non lineais.
Foi creado por Linus Torvalds en 2005, pensando no desenvolvemento do kernel de Linux.
Obxectivos do curso
-Comprender os fundamentos do sistema de control de código compartido Git.
-Dominar os comandos básicos para traballo individual e en equipo.
-Coñecer os workflows máis utilizados en proxectos profesionais.
-Distinguir as capacidades das distintas plataformas de servizos.
Máis datos do curso
O curso contará con 12 horas lectivas e desenvolverase a través da Aula Virtual de Vitae Consultores con clases en directo e acceso ás sesións gravadas para a súa consulta. Celebrarase como dixemos os días 20, 22, 27 e 29 de novembro de 2023, en horario de 16.00 a 19.00 horas.
O formador
A persoa encargada de impartir os contidos será Jorge González, enxeñeiro técnico Industrial na especialidade de Electrónica, con 22 anos de experiencia como analista programador e máis de 14 anos de experiencia como formador de tecnoloxías web e de mobilidade. As tecnoloxías que domina Jorge son HTML5, PHP, JavaScript, FLEX, Backbone, Angular, IONIC, Symfony, Drupal, Wordpress, Flex, Flash, Animate, Phonegap, etc...
A súa faceta de formador estivo sempre ligada á súa experiencia profesional. Entre as empresas e organismos que asesorou ou formou atópanse Google, LinkedIn, FC Barcelona, La Caixa, Nike, Cola Cao, Pronovias, Volkswagen, Capgemini, Grupo Antolín, Gas Natural, Indra, Deloitte, La Voz de Galicia, Plexus, Disashop, Softtek ou Teimas, entre outras.

PUBLICIDADE