Vitae axúdanos a comunicar eficazmente o miolo dos nosos proxectos

mércores, 21 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Por moi importante que sexa algo que queremos dicir, de nada vale se non o expresamos ben. Ténsenos dito isto tantas veces que, se cadra por saturación, deixamos esta norma de lado, pero é unha norma a proba de fallo, e os séculos de experiencia comunicativa, dende a época das cavernas, así nolo confirman. Para que o teñamos moi en conta e, sobre todo, para que poidamos botar man de recursos de utilidade no camiño de lanzar unha mensaxe da mellor maneira posíbel, a consultora galega Vitae vai organizar unha nova edición (a sexta) do seu curso Comunicacións e Presentacións Eficaces. Terá unha extensión de oito horas e desenvolverase na Coruña, o día 4 de maio, no Hotel Attica 21.
O obradoiro ten o seu alicerce non feito incontestábel: a día de hoxe, todo profesional que posúa responsabilidades en dirección de proxectos comunícase acotío con diferentes roles profesionais, clientes, superiores e, sobre todo, cos seus colaboradores. Segundo nos lembra Vitae, no mundo de coñecemento e formación avanzada do noso tempo, as probabilidades de que un colaborador de noso sexa un profesional de gran preparación, dispáranse, como tamén se disparan as probabilidades de que demande coordinación e comunicación eficaces.
O obradoiro seguirá a metodoloxía de EAP para desenvolver as habilidades precisas para, por unha banda, planificar unha presentación (con ferramentas precisas para sistematizar o proceso natural de preparación dunha presentación, investigando cal é composición e expectativas da audiencia, axustando os contidos ás circunstancias, coñecendo con exactitude cal é a mensaxe que precisamos comunicar e inspirando na audiencia o cambio desexado) e, pola outra, estruturar de maneira axeitada os contidos (familiarizándonos con ferramentas para elixir os elementos constituíntes da nosa presentación e para artellalos nun inicio de impacto, un corpo ben organizado e unha conclusión memorábel). Acerca deste último punto, o obxectivo do obradoiro tamén pasa por axudarnos a transmitir as ideas máis importantes sobre un produto ou servizo, esperando o interese da audiencia.
Asemade, axudarásenos a deseñar de maneira eficaz os elementos visuais (preparándonos o camiño para descubrir as diferentes formas de maquetar o contido, como espremer os elementos multimedia e como empregar os mellores gráficos para contar de maneira visual a historia soterrada baixo os datos.
Ao rematar o obradoiro, teremos a capacitación precisa para saber como conectar mellor coa nosa audiencia e manter a súa atención. Tamén poderemos fomentar a comprensión e o recordo da mensaxe principal e, asemade, melloraremos a comunicación en todos os seus aspectos.
O curso está dirixido a calquera profesional que desexe optimizar as súas comunicacións e presentacións orais, teña ou non responsabilidade de dirección de proxectos. Tamén se encamiña a profesionais con responsabilidades de dirección de proxectos que teñan que comunicar decote e presentar oralmente ideas para a motivación dos seus colaboradores.
O encargado de impartir a actividade formativa será Gonzalo Álvarez Marañón, enxeñeiro superior de Telecomunicación pola UPV/EHU, e doutor en Informática pola UPM en 2000, amais de adestrador asociado de Success Unlimited Networ (SUN). Ten unha ampla experiencia en investigación e divulgación arredor da seguridade informática e comunicación. Trala súa experiencia ante todo tipo de audiencias e medios, fornecéndoos de coñecemento informático, comezou a súa axudar a empresas e particulares a presentar a súas ideas con seguridade e confianza. Ao abeiro desta liña de traballo, xa formou a milleiros de profesionais e directivos de todos os sectores, sobre todo axudándoos a facer presentacións e falar público, tanto no ámbito público como no privado.

PUBLICIDADE