Vitae axúdanos a afinar ao máximo os nosos desenvolvementos tecnolóxicos

martes, 9 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Calquera traballo que acometamos, dende o máis sinxelo até o máis complexo, precisa unha “fase de probas”. Isto vale con múltiples ámbitos da nosa vida, é ao que comunmente aluden os nosos familiares, amizades ou compañeiros de traballo cando nos preguntan ante calquera innovación (tecnolóxica, científica, gastronómica, mecánica, etc) que esteamos a piques de rematar: pero probáchela? Todo isto é perfectamente aplicábel aos proxectos TIC, onde se xuntan mancheas de detalles e complexidades a ter en conta. A academia galega Vitae Consultores quere achandarnos o terreo do desenvolvemento e faino cunha nova edición, a quinta, do seu Curso de Fundamentos en Testing. O obxectivo: que academos a máxima calidade nos nosos traballos de desenvolvemento.
O novo obradoiro celebrarase na Coruña no Hotel Attica 21 os días 29 e 30 de outubro. Incluirá novamente 16 horas de contidos e servirá, nun plano máis detallado, para capacitar aos asistentes no dominio de recursos que optimicen os seus proxectos. Ou sexa, que os familiarizará plenamente coas cousas que axudan a que un proxecto bo e aceptábel póidase converter en excelente e referencial.
O curso, que tamén é un achegamento integral aos coñecementos e ferramentas precisas para asegurar o factor calidade na creación de programas, subministra a opción de Certificación en Fundamentos de Testing polo programa de certificación ISTQB (International Software Testing Qualifications Board), que é o estándar mundial para avaliadores de programas informáticos.
Segundo explican dende a academia Vitae Consultores, a finalidade desta acción formativa é proporcionar os procedementos e métodos de meirande relevancia actual para capacitar aos asistentes na xestión, na planificación, no deseño e na execución de probas de software coa meirande eficacia. Desta maneira, os profesionais que participen no obradoiro terán “a oportunidade de entender os conceptos clave das probas de software, asegurar un alicerce sólido para o medre profesional na área e comprender as técnicas básicas de validación de programas”, engade Vitae.
O curso está dirixido a profesionais da actividade de probas, como testers, analistas e enxeñeiros de probas, así como responsábeis de calidade de software. Tamén se encamiña a profesionais que desexen acadar unha visión avanzada e integral dos procesos de avaliación, como xefes de proxectos, analistas de negocio, xerentes, consultores TI e programadores.
A persoa encargada de impartir todos estes contidos será Aurelio Gandarillas Cordero, enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia no sector das novas tecnoloxías da información e máis dunha ducia de anos como consultor e formador nos eidos do deseño, a implantación e a mellora dos procesos de desenvolvemento e calidade do software.

PUBLICIDADE