Vitae achéganos este mes unha nova edición do seu curso sobre xestión de riscos con PMI

mércores, 3 de xuño do 2020 S. P.

A consultora galega Vitae quere que os nosos profesionais do sector TIC estean, por coñecementos, preparación e adestramento, entre os máis capacitados do ámbito estatal e europeo. Para iso, Vitae loita contra as complexidades operativas derivadas da COVID-19 cun completo programa de cursos en aula virtual que poñen o punto de mira en todos os ámbitos máis avanzados do traballo tecnolóxico e innovador. Por exemplo a segunda edición do curso Xestión de Riscos baixo a Metodoloxía PMI, que inclúe 16 horas de formación e brinda aos participantes 16 PDU (Unidades de Desenvolvemento Profesional) e todo o preciso para garantir unhas condicións de traballo seguras e uns proxectos resultantes, tamén, nos que sexa posíbel confiar plenamente. O curso organizarase online os días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de xuño, e os días 1 e 2 de xullo.
O curso, moi acaído para estes tempos “COVID”, ten os seus porqués nunha necesidade clara dos nosos profesionais: a necesidade de liberarse da influencia de elementos externos e alleos ao seu labor, como por exemplo crises económicas e sanitarias como a que estamos a vivir, conflitos sociais ou cambios políticos, normativos e regulamentarios.
Asemade, achégase como un recurso de utilidade para divulgar metodoloxías que engadan un extra de seguridade fronte a influencias de tipo interno, como a presión que poden exercer os responsábeis dos equipos de traballo para cumprir cos obxectivos marcados inicialmente, a busca dunha meirande eficiencia, a limitación permanente de recursos ou a procura de novos mercados e áreas de negocio.
Consecuencias dos riscos
Segundo informa Vitae, “os riscos poden influír negativamente na consecución do éxito dos obxectivos do proxecto, xa sexa con adiamentos ou sobrecustes, debendo ter en conta, ademais, a desmotivación dos membros da organización, a insatisfacción por parte dos clientes así como o deterioro da imaxe externa da organización”. A consultora lembra que se a devandita situación multiplicámola polo número de iniciativas que unha organización desenvolve cada ano, “os prexuízos poden resultar inadmisíbeis nos seus resultados”.
O obradoiro de Vitae diríxese a achegar metodoloxías e recursos prácticos para minimizar o risco, adaptábeis a múltiples situacións. Todo isto mediante o emprego das boas prácticas recoñecidas internacionalmente para a xestión de riscos nos proxectos. “A xestión de riscos”, explica Vitae, “configúrase como unha disciplina que se integra co resto dos aspectos da xestión dunha iniciativa e que achega valor engadido nas empresas, posto que anticipa problemas e reduce a incerteza, xa que todo proxecto, polo simple feito de poñerse en marcha, está suxeito a unha marxe de inseguridade, que debe ser xestionada o antes posíbel”.
O obradoiro está dirixido a directores fundacionais, directores de proxectos, membros de equipos de dirección de proxectos, membros de equipos de proxectos, membros de oficinas de dirección de proxectos ou, en xeral, profesionais involucrados no devandito ámbito de traballo (a redución da inseguridade no desenvolvemento de iniciativas).
O formador
A persoa encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real, licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas, formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone, Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.
PMI
Para quen non o saiba, PMI son as siglas de Project Management Institute (PMI), a máis referencial organización mundial adicada á dirección de proxectos. Foi fundada en 1969 e é unha entidade sen arela de lucro que xunta profesionais en todo o mundo (arredor de 600.0000) e cuxa sede central está en Pensilvania. Ten máis de 200 capítulos, incluído o galego, en máis de 125 países. O PMI é unha fonte de boa prácticas coñecidas, recoñecidas, implementadas e avaliadas por milleiros de profesionais en proxectos dun amplo abano de ámbitos de actividade. A entidade internacional, amais de acreditar profesionais de xestión de iniciativa coa certificación PMP, ten recoñecido a importancia crecente da xestión de riscos como disciplina de traballo ao abeiro dos proxectos, e por isto tamén acredita especialistas neste eido mediante o recoñecemento PMP-RMP, Risk Management Professional.

PUBLICIDADE