Vitae achéganos capacidades e recursos para encararmos o desafío do Big Data

martes, 11 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A información vai medrar a paso de xigante, queirámolo ou non. Tanto a que acubillan servidores, centros de datos, computadores e demais sistemas, como aquela que temos diante dos nosos ollos e precisamos para traballar. O panorama achega importantes desafíos pero, cun axeitado adestramento e cunha capacitación acaida, serán perfectamente superábeis. Vitae Consultores quere contribuír a este punto e faino, entre outros recursos, coa oitava edición do seu Curso Big Data Deseño e Arquitectura de Solucións con Hadoop, Spark e R, cuxa primeira convocatoria remóntase a 2012, o que sitúa este obradoiro como unha das actividades máis senlleiras e referenciais das que se organizan na nosa terra en materia TIC.
O curso achegaranos unha vez máis 20 horas de adestramento avanzado sobre ferramentas indicadas para converter a información en bruto en datos de valor, útiles e rendíbeis. Ou sexa, para poder ver tanto as árbores coma o bosque na paisaxe dixital.
Máis polo miúdo, a actividade achegaranos os instrumentos para manexar as ferramentas que converten en intelixíbel e práctica a información a gran escala, o que se coñece como Big Data, un ámbito en clara proxección e en máis que evidente proceso de medre.
En definitiva, o curso salienta a importancia da información, tanto a nivel múltiple e xenérico como a nivel de detalle, atendendo a cada dato por pequeno sexa e enxalzando a súa importancia. Por exemplo á hora de proporcionar vantaxes competitivas (onde é preciso coñecer as diferentes aproximacións que temos dispoñíbeis para xestión de grandes cantidades de datos).
Durante este obradoiro, que se celebra na Coruña os días 19, 20, 26 e 27 de outubro (no Hotel Attica 21), examinaranse colectivamente os diferentes camiños que podemos enfiar para abordar o manexo de datos a gran escala, mostrando as alternativas de arquitectura dispoñíbeis, con vistas a dar resposta aos requirimentos de análise de información de cada entidade ou empresa.
No curso empregarase HDinisght, a distribución Hadoop de Microsoft na nube para os laboratorios prácticos durante o curso, aínda que os conceptos serán válidos para calquera das distribucións do mercado.
Os obxectivos do obradoiro son os seguintes: coñecer as diferentes arquitecturas dispoñíbeis e posíbeis para definir unha arquitectura Big Data; diferenciar os diversos tipos de requirimentos de análise de información; e introducirnos na analítica avanzada a través dos programas Spark e R.
O curso vai dirixido a profesionais do ámbito das Tecnoloxías da Información (TI) que queiran adquirir coñecementos sobre a xestión, o manexo e a interpretación do coñecemento masivos
O temario abrangue unha introdución a Hadoop, os fundamentos de almacenamento, un achegamento á configuración de servizos Hadoop, o uso de Ambari para seguimento e administración, os fundamentos de Hive, a arquitectura de Apache Spark e un achegamento ao R-Server en Spark.
O profesional que impartirá o obradoiro será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE