Vitae achega unha nova oportunidade formativa para convértenos en expertos en Cypress

mércores, 2 de marzo do 2022 S. P.

Vitae Consultores, a través da súa aula virtual, ofrece coa chegada da primavera unha nova edición (a terceira) do seu Curso Testing e2e avanzado con Cypress, de doce horas de formación. Consiste en termos xenéricos nunha nova oportunidade para evolucionar nos nosos coñecementos en programación e desenvolvemento TIC e, en termos concretos, nunha nova fonte de recursos para axilizar tarefas e introducir máis altas cotas de eficiencia e garantías de éxito. O curso celebrarase os días 29 e 30 de marzo e os días 5 e 6 de abril, en horario de tarde: martes e mércores de 16.00 a 19 horas.
Segundo informa máis polo miúdo a consultora galega, trátase dun curso completo para automatizar unha parte fundamental do noso traballo: as probas de aplicacións web. En palabras de Vitae, é nese punto onde comeza a garantía de calidade dun proxecto.
O curso pon o foco en Cypress, un recurso do que podemos botar man para definir e executar os tests de maneira cómoda e sinxela.
Os obxectivos desta actividade formativa son configurar e executar probas con Cypress, simular interaccións de usuario complexas, traballar con servizos de datos remotos e integrar ferramentas.
O curso sobre testing avanzado con Cypress está dirixido principalmente a programadores de aplicacións web con experiencia. É válido para Angular, ASP.net, Java, PHP, React ou Vue, entre outros recursos. Impartirase en modalidade de aula virtual con clases en directo.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE