Vitae achega a 20 edición do seu curso de xestión de proxectos áxiles con Scrum

mércores, 22 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Ante o reto de desenvolver un proxecto tecnolóxico-dixital, como garantir a máxima implicación do noso equipo e establecer a máis axeitada folla de ruta para todo o traballo que virá despois? Metodoloxías para acadar o devandito hai moitas, pero para a consultora galega Vitae, sen dúbida a opción de apostar polas metodoloxías áxiles, en contraposición coas chamadas “pesadas”, é unha opción de éxito. Este tipo de ferramentas, ademais, teñen a vantaxe de mellorar ao máximo a comunicación e a empatía cos clientes destinatarios dese proxecto TIC: a vantaxe de poñernos en situación de adiantarnos ás súas demandas, de ser quen de albiscalas mesmo antes de que se produzan, posibilitando unha contorna de traballo cen por cen eficiente. Formar aos nosos profesionais nestas metodoloxías é o gran obxectivo da 20 edición do Curso Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software (formato PDF), que vai desenvolver Vitae en Vigo (Centro Social Afundación de ABANCA) os días 26 e 27 de xaneiro, e os días 2 e 3 de febreiro.
O curso, un obradoiro de 20 horas, encamíñase a dotar aos asistentes dos coñecementos e ferramentas precisas para implementar os ditos modelos de traballo e poder, desta maneira, adaptarse ás necesidades dos proxectos que teñan en curso e máis dos seus clientes.
Segundo nos contan dende Vitae, os porqués do curso residen nas moitas vantaxes para o noso día a día profesional que veñen derivadas do feito de actualizarnos en materia de metodoloxías áxiles: ferramentas para cumprir do mellor xeito posíbel cos requirimentos de quen requira os nosos servizos TIC. Así nolo resume Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE