Vine chega a Windows Phone a través dunha aplicación non oficial

luns, 15 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Unha das principais eivas de Windows Phone 8 é para motos a falta de aplicacións, e aínda que os principais servizos en liña contan con aplicación oficial, algunhas ferramentas resístense a chegar ao mesmo tempo que as súas versións para iOS e Android, o que leva á aparición de clientes alternativos, e ao igual que Instance facilita o uso de Instagram dende Windows Phone, hai poucas horas chegou 6Sec para facilitar o uso de Vine (plataforma para crear e compartir vídeos en bucle de 6 segundos de duración) dende os móbiles co sistema operativo de Microsoft.
Esta aplicación de balde permite atopar, seguir e interactuar con outros usuarios de Vine, explorar os temas de moda, hashtags e seccións do editor, buscar Vines, compartir Vines en Twitter e Facebook... pero esta ferramenta ten unha importante limitación: para pode sufragar a infraestrutura de conversión de vídeos para facelos compatibles con Vine, a funcionalidade de cargar Vines precisa dun pagamento para o seu desbloqueo (aínda que pode realizarse nun par de ocasións de balde a xeito de proba). A publicidade dentro da aplicación tamén pode eliminarse mediante pagamento.
6Sec é obra de Rudy Huyn, creador doutras aplicacións moi populares para Windows Phone como un cliente da Wikipedia e o lector de novas Fuse.

PUBLICIDADE