Vindeira prepara a celebración da I Xornada Transferencia

venres, 20 de maio do 2011 Raquel Noya

A Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, Vindeira, en colaboración coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, están a organizar de maneira conxunta a I Xornada Vindeira Transferencia Tecnolóxica (VTT), que terá lugar o vindeiro martes, día 24 de maio, no CIS Deseño e Tecnoloxía en Ferrol.
Este evento, que ten como obxectivo promover a transferencia tecnolóxica entre as persoas asistentes, ofrece un punto de encontro que fai posible as relacións entre os axentes de investigación e as empresas do noso país, e que permite coñecer o estado da oferta e da demanda tecnolóxica no sector TIC galego.
O Director Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación vai ser o encargado de abrir esta xornada, na que se presentarán as capacidades tecnolóxicas do sector TIC das tres universidades galegas e dos Centros Tecnolóxicos TIC de Galicia, e na que se exporán propostas empresariais, promovidas por Vindeira, en torno a temáticas de interese.
Máis polo miúdo, o formato do evento consistirá nunha breve presentación das capacidades tecnolóxicas de cada Universidade asistente, así como da estratexia de transferencia tecnolóxica da súa Universidade-Campus de Excelencia centrada no sector TIC.
A isto séguelle, segundo informan dende a organización, “unha exposición das capacidades dos grupos TIC seleccionados pola aplicabilidade da súa exposición”.
Tamén farán cadansúa presentación e exposición os Centros Tecnolóxicos TIC de Galicia, aos que lles seguirá o relatorio dun representante do Sergas, que presentará a Plataforma de Innovación deste organismo público.
Na mesma xornada presentarase o Servizo de Transferencia Tecnolóxica de Galactea-Plus, e trataranse en grupo as propostas empresariais promovidas por Vindeira en torno ás temáticas que seguen: Fogar do Futuro, Saúde, Servizos de Mobilidade e Software. Deste xeito, informan dende Vindeira, “preténdense xerar novas ideas de proxecto e propostas de empresa que integren os intereses tanto dos axentes públicos como das empresas”.

PUBLICIDADE