Vilapoupre de Antas de Ulla concorre no certame #enREDatupueblo de Hispasat

luns, 10 de abril do 2017 Redacción

Xa hai presenza galega no concurso #enREDatupueblo, organizado polo operador español de satélites de telecomunicacións, Hispasat, e dirixido a municipios ou entidades singulares de poboación do ámbito estatal sen ningún acceso a Internet ou con accesos de moi mala calidade. Segundo informa a compañía, a parroquia de Vilapoupre, no concello lucense de Antas de Ulla, é a primeira poboación galega que concursa nesta iniciativa de Hispasat para “botar unha man a aquelas comunidades que queiran saír definitivamente do seu illamento dixital”. A candidatura da parroquia de Vilapoupre implicará a participación directa dos seus veciños no concurso. Segundo lembra a compañía de telecomunicacións, no territorio estatal aínda fican 2.682 núcleos de poboación que non dispoñen de acceso a Internet a un mínimo de 10 Mpbs, e case 600.000 fogares que non poden navegar nin a 2 Mbps.
Hispasat tamén recorda que a devandita localidade galega pertence a un dos centos de municipios galegos que se atopan nas chamadas zonas brancas NGA, que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova xeración, “nin previsións para a súa dotación por algún operador no prazo de 3 anos”. Esta situación levou a unha serie de veciños de Vilapoupre a xuntar forzas e concorrer no concurso, un certame que ten, en palabras de Hispasat, tres obxectivos concretos: colaborar na redución da fenda dixital en España, concienciar á sociedade das vantaxes que ofrece o satélite como tecnoloxía de acceso á banda larga e situar a Axenda Dixital no debate político. A través desta iniciativa, o operador premiará ao concello que careza de acceso a Internet, ou o teña de moi mala calidade, co servizo de conexión gratuíta a Internet de 30 Mbps vía satélite durante un ano.
A empresa está estes días a facer un chamamento aos residentes en zonas de baleiro dixital (persoas físicas, asociacións, grupos, concellos ou administracións en xeral) a tomaren parte activa no concurso e visualizaren o seu problema e de centos de municipios do ámbito estatal. “No caso de Vilapoupre”, explica a empresa de telecomunicacións, “os veciños puxeron de manifesto a desigualdade de oportunidades que sofren debido á falta de acceso a Internet e o freo ao desenvolvemento económico e social que iso supón, unha situación que contribúe a provocar a emigración da poboación máis nova das zonas rurais das provincias galegas”.
#enREDatupueblo
O concurso está dirixido a municipios ou Entidades Singulares de Poboación (ESP) españolas sen ningún acceso a Internet ou con acceso de mala calidade. Calquera cidadán, asociación ou entidade da localidade poderá presentar a candidatura da súa parroquia sempre que veña avalada polo seu concello. Segundo lembra Hispasat, “valorarase positivamente que as candidaturas estean apoiadas polo maior número posíbel de veciños e organizacións locais”.
Para concursar, os participantes deberán “expresar de forma creativa” os beneficios que suporía a chegada de Internet aos seus pobos. Para iso, poden enviar pezas de calquera índole e feitura, en versión analóxica ou dixital (fotografías, vídeos, cancións, colaxes, narracións orais ou escritas, etc.), que recollan exemplos diversos de melloras que esta conectividade podería orixinar en distintos aspectos da vida do municipio: saúde, educación, cultura, negocios, comunicación ou vida persoal, entre outros. A localidade gañadora do concurso gozará de conexión por satélite durante un ano de forma gratuíta para os seus habitantes, fogares e negocios, ademais da instalación e a posta a punto da mesma. Os traballos poderán presentarse ata o 30 de abril. Un comité de selección elixirá o tres finalistas, que se darán a coñecer o 17 de maio, coincidindo co Día Internacional de Internet. A partires desa data e até o 27 de maio, os usuarios das redes sociais e os visitantes da web do proxecto Conéctate poderán votar ao pobo gañador. O fallo definitivo farase público o 29 de maio.

PUBLICIDADE