Vilagarcía retransmitirá en streaming as celebracións do aninovo adiantado
mércores, 26 de decembro do 2018
Para
quen queira tomar as uvas dun xeito diferente, tecnolóxico á par
que literario, o
Concello de Vilagarcía está a propoñer que pasemos a festa de
aninovo das 12 do mediodía do 31 de decembro (unha tradición que se
celebra en Vilagarcía dende hai xa vinte anos) na compaña de Julio
Verne e co móbil a man. A proposta, coa que se
quere conmemorar o aninovo pero tamén o 20 aniversario da tradición
das uvas mañaneiras, consiste en retransmitir a celebración
vía streaming e a través das redes sociais Facebook e
Instagram, o que se vai acompañar dun espectáculo baseado no
imaxinario e nas senlleiras obras literarias de Julio Verne.
Este
último punto correrá a cargo de Pablo Méndez, un vello coñecido
da celebración do aninovo adiantado (en anos anteriores causou
impacto coas súas acrobacias aéreas).
A
cita será, como xa vén sendo tradicional, na praza de Ravella. O
lecer festeiro comezará arredor das 11 da mañá, con ruadas, a
actuación dun picadiscos e o espectáculo da compañía de Pablo
Méndez dende as 11,45 horas. Despois das badaladas, o espectáculo
continuará até as 13,30 horas, aproximadamente.
Segundo
informa o Concello, “os asistentes poderán brindar con cava e
tomar as uvas”, e estarán acompañados de varias cámaras gravando
e emitindo en streaming todo o que aconteza na praza da
Ravella. Os espectadores tamén verán imaxes do interior do
centenario reloxo dende o que os vilagarciáns darán a benvida ao
2019 ao mesmo tempo que nas súas antípodas, en Australia.
Na
presentación destas actividades, a concelleira de Xuventude, Sonia
Outón, agradeceu publicamente o patrocinio que ano a ano prestan
empresas como Gadis, La Metro ou Academia Elisa e, sobre todo, “o
esforzo dos moitos voluntarios que fan posíbel que arredor de 2.500
persoas teñan a oportunidade de celebrar o paso do ano na compaña
de familiares e amigos no que é xa unha das grandes atraccións
lúdicas e festivas de Vilagarcía”.
A
emisión das badaladas pode seguirse tanto dende Facebook (Concello
de Vilagarcía e Toma das Uvas) como Instagram (Concello de
Vilagarcía). A retransmisión comezará ás 11.30 horas.