Vilagarcía rematará 2021 cuns 16.500 inmóbeis conectados á rede de nova xeración de R

mércores, 20 de outubro do 2021 S. P.

R fixo balance do seu traballo recente en Vilagarcía, achegando datos sobre as previsións de cobertura neste municipio pontevedrés. Segundo fai saber, véñense de sumar á comunidade de fogares e empresas con posibilidade de conectarse ás redes avanzadas de R no concello arousán 131 novos inmóbeis do núcleo de Guillán, que xa están en disposición de desfrutar de accesos ultrarrápidos a internet de ata 500 Mbps simétricos e doutros servizos de telecomunicacións de última xeración.
R vén de rematar arestora un treito dos traballos de fornecemento de rede neste territorio, aproveitando ao máximo as infraestruturas municipais do novo núcleo incorporado. Coa recente conexión destes 131 novos inmóbeis, a cifra de residencias particulares e empresas conectadas á rede da operadora achégase a día de hoxe a 16.281, tendo en conta todos os inmobles vilagarciáns que o operador galego foi incorporando á súa infraestrutura dende hai máis de dúas décadas (á marxe do Plan Avanza).
No contexto do devandito plan do Ministerio a previsión fala de 452 inmóbeis a peche de 2021 repartidos nos núcleos da Torre, Guillán e A Caldiguela, co que Vilagarcía comezaría 2022 con arredor de 16.465 fogares e negocios (Avanza + resto de despregaduras a maiores do plan) preparados para recibir todos os servizos avanzados de telecomunicacións de R.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxeran de alta velocidade ata ese momento (as chamadas “zonas brancas”).

PUBLICIDADE