Vilagarcía quere levar a formación en trámites online a toda a veciñanza do concello

martes, 22 de marzo do 2022 S. P.

O Concello de Vilagarcía quere achandar o camiño entre a cidadanía e as ferramentas tecnolóxicas da Administración Electrónica. Por este motivo, levará a formación sobre os trámites online a todos os centros socioculturais do municipio, co obxectivo de que “todos os vilagarciáns, vivan onde vivan, poidan familiarizarse coas vantaxes, pero tamén cos retos, que ofrecen estes servizos e ferramentas, cada vez máis presentes nas nosas vidas”. Esta formación vén da man da Concellería de Promoción Económica que dirixe Alba Briones.
Será a través de charlas dunha hora e media de duración que se desenvolverán en 18 centros socioculturais todos os martes, dende este 22 de marzo até o 24 de maio, en horarios de 17.00 ou 19.00 horas.
O precedente desta iniciativa é a apertura no quiosco de Arcebispo Lago dunha oficina de atención e asesoramento aos veciños para a súa relación coa administración por vío electrónica. “A iniciativa”, explica o Concello, “está tendo un notábel éxito e son moitas as persoas que cada día se achegan a este lugar para coñecer como utilizar a sede electrónica do concello, sede.vilagarcia.gal, pero tamén para resolver dúbidas sobre outros trámites online, como os que teñen que ver co Servizo Galego de Saúde, os bancos ou os pagos de servizos ou compras en liña”. Esta, engaden fontes do Consistorio, é a experiencia que se quere levar a todos os recunchos do municipio. Para iso foi contratada a empresa Asdem, un de cuxos técnicos desprazarase en martes sucesivos ata finais de maio a 18 centros.
A experiencia arrinca este martes 22 en Guillán -5 da tarde- e Trabanca Sardiñeira -7 da tarde-. O 29 tocaralle a quenda a Vilaxoán e Faxilde. En abril, o calendario será este: martes 5, Cea e Castroagudín; 12, O Carril e Bamio; 19, Renza e Galáns; e 26, Sobradelo e Fontecarmoa. No mes de maio, as xornadas de formación programadas son: o 3 para Trabanca Badiña e A Torre; o 10, para Rubiáns e A Laxe; e o 24, para Cornazo e O Sixto.

PUBLICIDADE