Vigo segue a pelexar por traer para aquí a Axencia Estatal de Radiocomunicacións

martes, 9 de marzo do 2010 Raquel Noya

O reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, que está a facer todo o posible para que a entidade que representa acade a Excelencia Internacional grazas ao proxecto do Campus do Mar, vén de reunirse recentemente co alcalde da cidade, Abel Caballero para solicitralle o seu apoio e conseguir gañarlle a tirapuxa ás outras máis de trinta entidades académicas que optan a esta calificación.
Na reunión mantida entre alcalde e reitor, ademais de falar do Campus do Mar, ambos os dous aproveitaron a ocasión para tratar outra cuestión de relevancia tanto para a cidade pontevedresa como para a súa Universidade, como é o feito de formar parte do consorcio para a constitución en Vigo do xestor técnico da rede mundial de satélites da Axencia Estatal Europea, algo que Caballero aceptou a petición de Gago.
Trátase, segundo afirmou o edil, “dun proxecto de grande envergadura que permitirá situar en Vigo o control, a capacidade e a elaboración de sistemas de satélites”, o que supón, segundo engadiu, “capacidade de I+D e a eventual capacidade de movilización económica que lle fai falla á cidade”.
Gago, pola súa banda, que salientou a relevancia deste proxecto “para converter a cidade de Vigo nun referente das telecomunicacións en Galicia e en España”, asegurou que se trata dun obxectivo “que xa tomou forma co proxecto Gradiant, ao que están vinculadas as principais empresas do sector en Galicia”.
Ao longo deste encontro, os dous persoeiros tamén tocaron o tema da Axencia Estatal de Radiocomunicacións (AER), do que tanto se vén falando nos últimos meses, e a este respecto, Caballero asegurou que “falar deste ámbito no eido das telecomunicacións é falar da cidade de Vigo”.
Malia que Cataluña e Andalucía constitúen as principais localizacións alternativas para a AER, Gago incidiu en que “hai condicions máis que suficientes en Galicia e en Vigo para imaxinar que esta axencia poida estar aquí”.
Na actualidade, segundo informan dende a entidade académica, “o Ministerio de Industria está a elaborar a folla de ruta da Axencia”, o organismo regulador a nivel nacional das telecomunicacións, incluida a designación de frecuencias, que podería vir para Galicia de cumplirse as pregarias do edil e o reitor.

PUBLICIDADE