Vigo quere poñer 150 edificios na vangarda das cousas conectadas

mércores, 4 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Vigo quere avanzar no camiño de converterse en cidade smart. Ou sexa, no vieiro de ser unha urbe mellor comunicada, xestionada e sustentábel. Con este obxectivo, vén de dar a coñecer que concorrerá ás axudas europeas para edificios intelixentes solicitando 5 millóns para máis de 150 inmóbeis, entre os que se contan os predios que pertencen á entidade local: dende bibliotecas a mercados, pasando por museos e estacións.
Este proxecto piloto prevé instalar nos ditos emprazamentos o chamado Nodo IoT, que permitirá captar e procesar información en tempo real do que acontece nos edificios a través da tecnoloxía da Internet das Cousas e das redes que fan posíbel conectar obxectos de maneira efectiva e co mínimo esforzo: as redes 5G. Esta colleita de datos a tempo continuo posibilitará, en palabras do Concello, tomar as mellores decisións ambientais, de seguridade e de mobilidade.
O alcalde Abel Caballero explicou onte que a devandita achega de 5 millóns de euros virá dada a través da axenda dixital para España con edificios intelixentes. O proxecto piloto de Vigo, dixo, “está enfocado á mellora do benestar e calidade de vida das persoas”. Segundo o rexedor, a instalación do Nodo IoT permitirá facer cousas como “comunicar en tempo real o que pasa nos edificios para extraer datos e tomar medidas como a elaboración de mapas de ruído, de contaminación e de consumo enerxético”. Caballero mostrouse convencido de que a cidade de Vigo reúne as condicións establecidas para ser beneficiaria, xa que nesta convocatoria poderán participar municipios de máis de 200.000 habitantes de Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia e Madrid. O prazo para presentar propostas é o 26 de xullo e Vigo concorrerá cunha selección de máis de 150 inmóbeis da cidade.
Liderada polo Concello, a proposta incluirá todos os edificios administrativos, o parque de servizos do Concello, o Auditorio Mar de Vigo, os museos, as bibliotecas, o Estadio de Balaídos, a Escola de Artes e Oficios, o Albergue Municipal, os mercados, os centros cívicos, os aparcamentos subterráneos, o VigoZoo, o edificio da Xerencia de Urbanismo, o aeroporto, a estación de ferrocarril, a estación de autobuses e o porto. Tamén se proporán edificios de sectores privados como vivendas, centros comerciais, hoteis ou Zona Franca.

PUBLICIDADE