Vigo organiza cursos de alfabetización dixital durante os meses de xuño e xullo

luns, 28 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Vigo quere que a recta final da primavera e os comezos do verán veñan acompañados de formación tecnolóxica para a cidadanía. Por esta razón, a oficina municipal de Teis e o edificio municipal do Areal acollerán o desenvolvemento de cursos de alfabetización dixital durante os meses de xuño e xullo. O requisito é estar empadroado e a inscrición se formalizará a través do 010. Haberá obradoiros para introducirnos na Internet, no correo electrónico ou mesmo en eAdministración.
As persoas interesadas en formarse en informática e internet básicos, no uso e nas vantaxes das redes sociais, no emprego de correo electrónico ou en trámites electrónicos coa administración, poderán participar nos cursos que se desenvolverán no mes de xuño, entre ás 16.30 e ás 19.00 horas na Oficina Municipal de Teis (Camiño Maceira s/n).
Aquelas persoas que queiran formarse en mecanografía por ordenador, iniciación á informática ou trámites electrónicos coa administración poderán acceder aos cursos que se impartirán tamén en xuño e en xullo na Aula de formación TIC-CeMIT entre ás 10.00 e ás 12.00 horas.
Segundo informa o Concello, o único requirimento esixido para participarmos nestes obradoiros é estarmos empadroados en Vigo. O Goberno local engade que terán preferencia aquelas persoas que non tiveran realizado o mesmo curso con anterioridade. Para máis información e inscricións cómpre chamar ao 010 de atención cidadá (986 810 260 desde fóra de Vigo ou desde un móbil).

PUBLICIDADE