Vigo e ABANCA presentan novo cartón para o pago de transporte e servizos

luns, 7 de agosto do 2017 Redacción

A semana pasada o Concello de Vigo deu un paso adiante no uso de novas tecnoloxías para facerlles a vida máis doada e cómoda aos cidadáns, no caso concreto do que imos informar aos cidadáns usuarios de transporte público. Estamos a falar do convenio asinado o venres con ABANCA e VITRASA para a implantación dun novo cartón que funciona sen contacto e que substituirá aos actuais para o transporte urbano. Ou sexa, que non é preciso que insiramos a tarxeta en lectores nin en caixeiros, abonda con achegala. A Tarxeta Vigo foi dada a coñecer polo alcalde Abel Caballero, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet, e o director de VITRASA, Juan Carlos Villarino.
Segundo informaron, o servizo forma parte de varias liñas de traballo máis amplas. En primeiro lugar, a Tarxeta Vigo é un proxecto tecnolóxico para implantar na cidade un innovador sistema de pago e utilización de servizos públicos municipais. Funcionará no transporte público e, de maneira progresiva, irá engadindo as prestacións de acceso, uso e pago dos servizos municipais. Ademais, insírese na iniciativa Vigo cidade intelixente, que o Goberno local destina a fomentar o uso das novas tecnoloxías por parte da cidadanía. Nestes momentos, apuntou o rexedor, “o 65% das operacións que se realizan co Concello fanse por vía telemática”.
Segundo fixo saber o alcalde, entre as vantaxes do novo dispositivo intelixente figura “o alto grao de seguridade e a multifuncionalidade” que permitirá realizar operacións de moedeiro electrónico e pago, control de acceso e identificación persoal e corporativa, “cubrindo todas as facetas que precisa o ámbito comercial e institucional”.
Ao abeiro do proxecto ABANCA comprometeuse a poñer a disposición do mesmo a súa rede de máis de 50 caixeiros caixeiros na área de Vigo, dotados da tecnoloxía de comunicación sen contacto e, amais, achega 121.000 euros ao desenvolvemento do proxecto.

PUBLICIDADE