Vigo acollerá a Administración de Asistencia Dixital Integral de Galicia

mércores, 3 de marzo do 2021 Redacción

Vigo será a sede da Administración de Asistencia Dixital Integral de Galicia, unha unidade da Axencia Estatal de Administración Tributaria. A ministra de Facenda trasladou ao alcalde Abel Caballero a elección da cidade galega para implantar un servizo que ten por obxectivo “mellorar a atención aos contribuíntes con medios telemáticos”.
En concreto, a Axencia Estatal de Administración Tributaria pretende a potenciación dos servizos de información e asistencia prestados aos contribuíntes, priorizando o uso das novas tecnoloxías fronte aos medios tradicionais de asistencia presencial.
A primeira sede destas características estableceuse en Valencia e a segunda empezará a funcionar proximamente en Vigo.
Esta unidade administrativa, que dependerá directamente de Madrid, contará con case un centenar de traballadores públicos (2 inspectores; 44 técnicos adicados a funcións tributarias de información e asistencia; 1 técnico dedicado a tarefas de persoal e recursos humanos; 1 técnico dedicado a labores de informática; 40 axentes da facenda pública; 4 administrativos (persoal de apoio de labores de recursos humanos e informática).

PUBLICIDADE