Vigo acolle o 3 de febreiro un curso sobre o potencial das redes sociais na selección de persoal

mércores, 25 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Dende uns anos a esta parte, as redes sociais espallan o seu ámbito de influencia até niveis aos que non se imaxinaba que chegarían, converténdose en ferramentas comúns para labores e tarefas de especial complexidade. Como por exemplo a contratación de persoal para unha empresa, un eido de traballo onde as ferramentas 2.0 están a deixar notar, especialmente, a súa pegada. Botar luz sobre isto é o gran obxectivo do Curso Selección Web 2.0, actividade formativa a desenvolver en Vigo, da man do Grupo P&A nas súas instalacións o vindeiro 3 de febreiro.
A iniciativa en cuestión, destinada a afondar nos modelos de integración dos servizos 2.0 na busca e contratación de traballadoras e traballadores, achegaralles aos asistentes unha “visión global das aplicacións 2.0 empregadas de xeito interrelacionado para a publicación de ofertas de emprego e a atracción de candidatos de alto valor para a organización, así como a xestión eficaz dos mesmos”, sinala a empresa organizadora. A xuízo do Grupo, os recursos participativos da Rede, ferramentas como Twitter ou como Facebook, son valiosos para a escolma de todo tipo de perfiles, dende operativos a directivos, para tódolos eidos organizativos e para empresas de tódalas envergaduras, tanto nacionais como internacionais. O prezo da actividade formativa é de 195 euros máis IVE, por persoa, desenvolvéndose a reserva de prazas por orde de inscrición.

PUBLICIDADE