Vigo acolle este sábado a entrega dos premios Viaxe ás covas do Folón

venres, 25 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa Desonhos nunha imaxe de El Faro de Vigo

Recentemente falamos en Código Cero do traballo conxunto de dúas empresas viguesas, Moonbite Games e Desoños, a prol da recuperación da historia e a cultura da súa cidade a través das feituras propias do lecer dixital. Falamos do videoxogo en liña Viaxe ás Covas do Folón, o resultado do seu traballo de lecer-histórico, unha achega tecnolóxica encamiñada sobre todo á comunidade estudantil para facilitarlle o coñecemento do medio urbano no que vive. Dábase a casualidade de que unha parte do xogo ficara aberta á participación, máis polo miúdo a través dun concurso no que se convidou á rapazada a propoñer os personaxes da aventura gráfica. Pois ben, segundo nos conta o Concello de Vigo, xa hai premiados á vista. A listaxe será dada a coñecer este sábado 26 de marzo, no auditorio municipal ás 12.00 horas.
No acto convocado procederase (entre outras cousas) á entrega de premios do concurso de creación de persoeiros da proposta de Moonbite e Deseños, impulsada polas concellarías de Normalización Lingüística e Xuventude de Vigo. Segundo fan saber ámbolos dous departamentos, o acto dará acubillo a unha exposición das mellores 60 láminas que foron enviadas polos rapaces e rapazas que participaron neste concurso; un total de 15 láminas de cada curso (2º e 3º ciclo de Primaria).
Amais da entrega de premios, procederase a resumir os obxectivos e natureza do videoxogo. “A finalidade deste proxecto é a de dar a coñecer a historia de Vigo a través do xogo, onde os rapaces e rapazas poderán coñecer moitos feitos importantes da historia da cidade, do noso patrimonio e da nosa lingua”, informa o Concello de Vigo.

PUBLICIDADE