Vigo acolle este mediodía unha xornada sobre retos empresariais de produtividade, dixitalización e talento

xoves, 21 de setembro do 2023 S. P.

No mediodía de hoxe, xoves 21 de setembro, ás 13 horas Vigo celebra os Diálogos para o Desenvolvemento baixo o lema Produtividade, dixitalización e talento: unha perspectiva empresarial. O encontro, organizado por Management Activo e patrocinado por Solunion, Cajamar e SEIDOR, celebrarase no Hotel Attica 21 e acudirán o exministro de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, Álvaro Nadal, e o exdirector do Centro Nacional de Intelixencia e embaixador español, Jorge Dezcallar. Os e as participantes falarán sobre o novo contexto sobre as perspectivas económicas de España e Europa para os meses finais de 2023 e comezo de 2024.
Álvaro Nadal fará un repaso sobre o novo contexto económico internacional derivado do Brexit, o shock enerxético, a inflación e o xiro das políticas monetarias. Asemade, analizará a súa pegada sobre a economía española e o seu comercio dentro do novo contexto e fará unha breve análise sobre o tipo de políticas que son precisas para combater a inflación e que poden ser un elemento de impulso e mellora da competitividade.
Pola súa banda, Jorge Dezcallar revisará os vectores xeopolíticos que explican a día de hoxe as relacións internacionais, cunha especial atención nos conflitos máis actuais, como son a guerra de Ucraína e as tensións polas reclamacións territoriais de China con Taiwan. Alén disto, revisará a revolución dixital, atendendo ás súas posibilidades e os riscos que supón a realidade dun cambio acelerado.
Na quenda das conclusións, as e os asistentes reflexionarán sobre os desafíos xeopolíticos, enerxéticos, de defensa e económicos aos que se enfrontan España e a Unión Europea, e o impacto dos fondos Next Generation na economía nacional. Para rematar, as e os relatores debaterán sobre retos e oportunidades do tecido empresarial de Vigo.

PUBLICIDADE