Vigo acolle a quinta edición de Startup Weekend Galicia

venres, 13 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Imaxe do comezo do Startup Weekend deste ano

Startup Galicia é unha comunidade aberta e diversa liderada por emprendedores co propósito de impulsar a creación de startups en Galicia, que anualmente organiza un evento que dura 54 frenéticas horas, e que ten como obxectivo crear aplicacións web ou móbiles que poidan servir como base para un proxecto empresarial viable., e que esta fin de semana desenvólvese no Pazo de San Roque de Vigo.
Startup Weekend baséase no concepto dunha conferencia enfocada a aprender creando. Destaca pola toma rápida de decisións, pensamento out of the box (pensamento creativo) e unha técnica única para facilitar e permitir aos participantes mostrar o que saben e o que poden facer.
Startup Weekend Galicia diríxese a persoas con diferentes habilidades: desenvolvedores de software, programadores, deseñadores gráficos e web, xente de negocios, comerciais, marketing e comunicación, así como a emprendedores ou intraemprendedores sexan iniciados ou expertos, así como a calquera persoa con interese en poñer en marcha unha startup.

Imaxe de César González na que podemos ver a relación de entidades que colaboran con Startup Weekend Galicia

O encontro comezou esta tarde, cunha quenda de micro aberto na que os asistentes presenten as súas mellores ideas de negocio durante un minuto, de xeito que outros participantes poidan unirse ao seu equipo. Despois de escoitar todas as ideas os participantes poden elixir as ideas máis populares, que serán as que se desenvolverán en equipo durante a fin de semana.
O sábado e o domingo os equipos deseñarán e darán forma á súa startup coa axuda de mentores e facilitadores até desenvolver finalmente o seu plan de negocio, para presentar os seus prototipos ante un panel de xuíces o domingo pola tarde nun pitch de poucos minutos. Elixirase un gañador do evento e o mellor proxecto de innovación social.
Cómpre destacar que esta quinta edición de Startup Weekend Galicia conta co patrocinio de Gradiant, entidade que ofrecerá consultoría tecnolóxica aos gañadores, e incluso outorgará un Premio Gradiant que suporá o acceso ás tecnoloxías do Centro Tecnolóxico para potenciar a startup do equipo gañador.

PUBLICIDADE