Vigo achega unha aplicación para xestionar as visitas á cabalgata estática dos Reis

martes, 5 de xaneiro do 2021 S. P.

Outro dos concellos galegos que tamén van botar man das tecnoloxías para converter a Cabalgata dos Reis nunha actividade segura e controlada será o Concello de Vigo, que este ano organiza unha visita estática para a cal mobiliza un operativo de medio milleiros de persoas (colaboradores, policías, efectivos de Protección Civil e controladores de acceso, ademais de servizos de emerxencia e puntos de información para nenos perdidos). A cabalgata, polo tanto, non conta con carrozas con nenos e é un recinto pechado no que non se pode entrar sen reserva previa na plataforma online aberta especificamente na páxina web do Concello.
A aplicación mostra os treitos libres da cabalgata, de forma que as familias poderán seleccionar o que máis lles conveña ao tempo que achegan os datos solicitados (un número de teléfono e un enderezo de correo electrónico). Unha vez realizada a reserva reciben un código QR que se pode descargar no teléfono para presentar o resgardo no momento do acceso.
Ao longo da avenida de Castelao, entre a rúa Estrada e a rotonda do Alfageme, haberá instaladas oito carrozas. Por esta orde, Espazo 7, Policía Local, Carteira Real, Rei Melchor, Rei Gaspar, Rei Baltasar, Abanca e Gadis. Pecharán a comitiva os autobuses de Pescanova e Vitrasa. Ademais, haberá diferentes atraccións e música.

PUBLICIDADE