Videoxogos de apoio á docencia e á investigación na Universidade Rey Juan Carlos

martes, 23 de marzo do 2010 Raquel Noya

"Os videoxogos son o formato multimedia de maior éxito e relevancia do
século XXI e nos últimos anos convertéronse no medio audiovisual por
excelencia”.
Con estas verbas, o profesor titular de Comunicación Audiovisual da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, Alfonso Cadrado, xustifica a creación, na entidade académica que representa, dunha ludoteca onde se integran videoxogos para a docencia e a investigación.
Cadrado afirma que os videoxogos, como produto cultural, “xa reclamaron a atención de multitude de universidades americanas e europeas”, a madrileña entre elas.
A ludoteca, que se incorporará na mediateca da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Comunicación, servirá, segundo afirma Cadrado, “de apoio á asignatura Imaxe Sintética e Videoxogos, materia do novo plan de estudos de grao en Comunicación Audiovisual, así como aos másteres de Informática gráfica, xogos e realidade virtual e ao de Cine, televisión e medios interactivos”.
Para conseguir exemplares, os docentes ofrecen aos alumnos a posibilidade de xogar ao videoxogo James Cameron’’s Avatar: The Game con lentes estereoscópicos en 3D. A cambio, iso si, deberán entregar un videoxogo orixinal nalgún dos formatos e sistemas máis habituais: PC, PlayStation, PlayStation 2, e Xbox.
O xogo realizarase nas instalacións do Laboratorio de Animación e Imaxe Sintética, no Campus de Fuenlabrada da URJC. Trátase dun laboratorio que ofertará pronto servizos de aprendizaxe e produción de sistemas de animación e imaxe 3D. O seu campo céntrase na imaxe de síntese, a animación e os videoxogos. Un dos seus equipamentos é o sistema de visionado estereoscópico en 3D Nvidia 3D Visión, que permite xogar a numerosos videoxogos cun grao de inmersión sen precedentes.

PUBLICIDADE