Videomatóns na USC para tomarlle o pulso á nosa lingua

martes, 5 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela, sede da primeira sesiónNa liña do certame 24 horas galego fullscreen, desenvolvido pola plataforma en liña GalegoLab para reflectir múltiples xeitos de vivir unha xornada falando galego, vense de pór en marcha na Universidade de Santiago unha interesante iniciativa para fomentar a creatividade audiovisual baixo unha temática ben concreta: o presente e o futuro da nosa lingua. A proposta, tres sesións de videomatón para a comunidade universitaria, vén da man da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación e máis da Liga Estudantil Galega. Segundo informan, a primeira destas sesións desenvólvese este martes 5 de abril na devandita Facultade, a partir das 10.00 horas.
A iniciativa, en certa maneira,é como habilitar unha rede social vivinte: como verlle o miolo ao proceso de creación e medre dunha comunidade en liña arredor dunha arela común.
Nun eido máis concreto, consiste en recoller múltiples opinións entre os estudantes, os profesores e os traballadores en xeral da Universidade compostelá sobre o futuro da lingua. Segundo informan os organizadores, os traballos de gravación están abertos á colaboración do estudantado da Facultade de Ciencias da Comunicación, “que poderán mostrar as súas habilidades creativas detrás da cámara e no momento da edición do proxecto audiovisual, que se pretende distribuír pola rede e por outras comisións de normalización da universidade”.
A vindeira sesión de videomatón desenvolverase este venres 8 de abril, na Biblioteca Concepción Arenal (Santiago) e a terceira e última, o 11 de abril na Biblioteca Intercentros, no Campus de Lugo.

PUBLICIDADE