Viber dá o salto aos ordenadores con Windows e OS X

mércores, 8 de maio do 2013 Marcus Fernández

A ferramenta de mensaxería instantánea para móbiles Viber, que destacaba fronte a WhatsApp pola posibilidade de realizar chamadas de voz a través de conexións de datos, parece querer seguir os pasos de LINE, e ao renovar as súas aplicacións móbiles para iOS e Android á versión 3.0 estreou tamén Viber Desktop, aplicación de escritorio para Windows e OS X que facilitan o intercambio de mensaxes e a realización de chamadas de voz dende o ordenador conservando a sinxela configuración que facilita o uso do número de teléfono como identificador persoal.
Dende Viber aseguran ter superado os 200 millóns de usuarios entre as súas plataformas soportadas (polo que aínda estarían bastante por diante de LINE, con 150 millóns de usuarios) e esperan que a súa aplicación de escritorio sexa ben recibida, pois conserva as funcionalidades da aplicación móbil, sincronizando coa mesma os nosos contactos e podendo transferir chamadas en tempo real entre ordenador e móbil, que poden recibir as mensaxes simultaneamente (aínda que a aplicación só pitará no dispositivo que esteamos a usar en cada momento. Tamén sincronizaranse os borrados de mensaxes e conversas entre todos os nosos dispositivos que empreguen Viber.
Viber 3.0 ten entre as súas novidades a incorporación de mensaxes de vídeo, novos stickers, a posibilidade de ver a última actualización de estado, melloras nas fotografías, un mellor rendemento da aplicación, un novo motor de voz e, no caso da versión para Android, corrixe un fallo de seguridade que permitía saltar a pantalla de desbloqueo do móbil a través de Viber. A aplicación tamén está a mellorar o seu soporte de idiomas, chegando a un total de 27 linguas, aínda que polo momento as únicas linguas peninsulares soportadas son o portugués e o español.
No caso doutras versións móbiles de Viber, como a de Windows Phone, agárdase que as novas melloras non cheguen ata dentro de 2 ou 3 meses, pois teñen un ciclo de renovación máis lento.


Vídeo de presentación da aplicación de escritorio de Viber

PUBLICIDADE