Viber dá o salto a Blackberry e Windows Phone

mércores, 9 de maio do 2012 Raquel Noya

A aplicación de mensaxería instantánea Viber, que en España suma xa preto de 5 millóns de usuarios e 69 en todo o mundo, vén de adaptarse para ser usada en Blackberry e Windows Phone, que se unen ás plataformas que a viñan soportando ata o de agora: Android e iPhone.
O éxito de Viber radica en que combina as funcionalidades de Skype, permitindo realizar chamadas de voz dende a Rede de datos, e de WhatsApp, deixando enviar mensaxes con fotos, texto ou vídeos segundo desexe o usuario.
A isto hai que engadirlle o feito de ser de balde, así como o de ser doada de usar e a posibilidade de aplicarse a varias plataformas.
Talmon Marco, fundador e conselleiro delegado deste servizo, opina que coa chegada a Blackberry e Windows Phone “Viber ten moitas posibilidades de converterse nun modelo de comunicación interpersonal”, porén conta con algúns retos a superar a curto prazo.
A primeira das materias pendentes é diferenciarse dos seus competidores; neste senso Marco cre que “a calidade do servizo pode ser a clave para o seu triunfo” e iso pasa por ofrecer o servizo con máis rapidez e a usuarios de tódalas plataformas.
A segunda asignatura é a de converterse nun negocio próspero; e dado que de momento non teñen ingresos, será a publicidade a que teña que soster esta aplicación. Así é todo, dende a firma confían en que os seus servizos con valor engadido “poidan ser un soporte publicitario interesante”.
As novas versións da aplicación móbil aínda están un pouco verdes, de xeito que o servizo de voz en Android e BlackBerry terán que agardar a futuras actualizacións.

PUBLICIDADE