Viacom reclámalle máis de 760 millóns de euros a YouTube

mércores, 14 de marzo do 2007 Raquel Noya

Aínda que algunhas cadeas de televisión están a cambiar de estratexia respecto a YouTube, pactando con ela no canto de emprender accións legais cada vez que a plataforma “pendura” vídeos con contidos da súa propiedade, o certo é que algunhas publicacións estadounidenses xa se refiren a ela como “Suetube” (sue significa denunciar en inglés) e non é para menos, xa que a plataforma líder no mundo de vídeo por Internet, YouTube, non sae dunha denuncia para meterse noutra. Nesta ocasión, logo de varias semanas de continua polémica, é Viacom a compañía que inicia accións legais contra a filial de Google por pendurar no seu portal 160.000 vídeos propiedade das súas canles (entre as que se atopan MTV, Comedy Central, VH1 ou Nicklodeon) e sen contar previamente coa súa autorización.
Como argumento para o preito pola meirande confrontación que se teña rexistrado entre un medio de comunicación e YouTube, Viacom esgrime que se deu unha violación de xeito intencionado e masivo dos dereitos de autor dos contidos das súas filiais.
O conflito non é de agora. Viacom xa lle reclamara ó portal a retirada de máis de 100.000 gravacións penduradas de xeito que a primeira compañía consideraba ilegal, mais o servizo de vídeos en liña, lonxe de eliminalas, mantívoas e mesmo lles engadiu á “colección” outros 50.000 vídeos máis.
A empresa denunciante esíxelle a YouTube a retirada inmediata de tódolos vídeos e o pago dunha indemnización por danos e prexuízos de máis de 760 millóns de euros.
Pola súa parte, Google defende á súa empresa filial alegando que “confía en que esta respecta os dereitos legais dos donos da propiedade dos contidos que se emiten” e tanto é así, que os seus responsables están seguros de que “o tribunal estará de acordo”.

PUBLICIDADE