ViaGalicia 2016 amplía o número de finalistas

mércores, 22 de xuño do 2016 Redacción

Os impulsores da aceleradora ViaGalicia veñen de presentar en Lugo as novidades da súa edición 2016, novidades entre as que se conta, por exemplo, o incremento do número de propostas que poderán chegar á fase final: de 15 a 19. Isto será posíbel pola incorporación de catro ideas de negocio pertencentes ao sector aeroespacial. Participaron na cita arredor dunha vintena de emprendedores do norte da nosa terra, interesados en tirar proveito deste programa de aceleración de empresas promovido polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia e que, por segundo ano consecutivo, abre sede na Cidade da Muralla da man da Fundación CEL Iniciativas por Lugo, co obxectivo de incorporar proxectos das dúas provincias da franxa norte.
Esta primeira cita tivo lugar na Ferraxaría Eventos & Co. Desenvolveuse con feitura de xornada técnica e nela explicáronse os detalles da nova convocatoria, facendo fincapé nas “marcas diferenciais”. Participou Teté Vilar, responsábel de Emprendemento do Consorcio, Carlos Alberto Vaamonde, técnico da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Rodolfo Ojea, coordinador da Fundación CEL, e Manuel Soto, director executivo de Peryco, un dos proxectos lucenses que o pasado ano chegou á fase final de aceleración de ViaGalicia.
En total, ViaGalicia mobilizará nesta edición até 2.375.000 euros de financiamento para emprendedores, entre préstamos participativos e achegas a fondo perdido.
Segundo se fixo saber na presentación, a iniciativa constitúe “unha excelente oportunidade” para emprendedores innovadores, xa que facilita a maduración de ideas, as fórmulas de traballo en rede e colaborativo (networking e coworking), o acceso a posíbeis investidores e, para os 19 proxectos que resulten finalistas, financiamento de até 125.000 euros para o lanzamento (130.000 euros, no caso de proxectos da sede de Lugo que cheguen á fase de aceleración).
O prazo de inscrición de proxectos ficará aberto até o vindeiro día 15 de xullo. Os emprendedores interesados en máis información ou aclarar dúbidas sobre a nova convocatoria de ViaGalicia poden poñerse en contacto coa Fundación CEL no número de teléfono 982 28 41 50. Pódense descargar as bases do programa nas webs da Fundación CEL e ViaGalicia.

PUBLICIDADE