Varjo anuncia que traballa en cascos de realidade virtual coa resolución do ollo humano

luns, 19 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Unha empresa finlandesa fundada por numerosos ex-traballadores de Nokia, Varjo, anunciou hoxe que está a traballar nunha solución de casco de realidade virtual, realidade aumentada e realidade mixta que achegará unha resolución semellante á do ollo humano e que superaría até 70 veces a resolución de moitos dos produtos actuais, de xeito que podería supor un auténtico salto de xigante para estas tecnoloxías.
Esta tecnoloxía leva como nome chave 20|20, en referencia á visión perfecta, e xa conta cun prototipo no que traballaron profesionais chegados de empresas como Microsoft, Nokia, Intel, nVIDIA e Rovio, confiando en que a finais de ano poidan chegar ao mercado produtos coa tecnoloxía de Varjo (aínda que inicialmente irían destinados a un público profesional por mor do seu elevado prezo).
Dende esta nova empresa lembran que as tecnoloxías actuais de realidade virtual, como HTC Vive e Oculus Rift, teñen unha resolución efectiva de 1,2 Mpíxeles e un campo de visión de 100 graos, mentres que a solución Varjo 20|20 chegaría aos 70 Mpíxeles co mesmo campo de visión, o que non só suporá unhas imaxes máis realistas, senón que tamén abrirá a aplicación destas tecnoloxías a máis ámbitos, xa que un elevado nivel de detalle fai máis doado desenvolver solucións profesionais para as que polo momento non había previsión de entrar na VR en vista do estado actual da tecnoloxía.

Imaxe coa que Varjo compara a calidade da súa tecnoloxía 20|20 e a das solucións de VR actuais

Vídeo promocional de Varjo

PUBLICIDADE