Varias ferramentas permiten aplicar efectos artísticos ás nosas fotografías

luns, 8 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A aplicación Prisma está a converterse en todo un fenómeno, convertendo as nosas fotografías en imaxes que imitan ser obras de arte, e iso está a provocar a emerxencia de clons e outras ferramentas inspiradas na mesma como Lucid, unha aplicación que podemos descargar de balde para iOS e para Android, que permite coller a fotografía que queiramos do noso móbil e subila aos servidores da súa compañía para aplicarlles os filtros artísticos que desexemos, cunha importante diferencia con respecto a Prisma: podemos ver unha vista previa de baixa calidade dos distintos filtros antes de aplicalos, o que supón unha axilización do proceso de probar varios filtros até atopar o que máis se axuste aos nosos gustos.
Aínda que Lucid tende a aplicar os filtros de alta calidade nuns 3 segundos, hai momentos nos que os seus servidores están saturados, de aí que a aplicación conta coa opción de poder avisar cando se completou o efecto a través dunha notificación no móbil, o que resulta bastante práctico.

Efectos vía web

Pero no é necesario instalar unha aplicación no noso smartphone para poder gozar de efectos artísticos nas nosas fotografías, e tamén están a xurdir numerosas ferramentas web como Dreamscope, que pode probarse en liña de xeito sinxelo e que tamén conta cunha aplicación para iOS que vai un chisco máis aló con Paintbrush, unha aplicación para iOS do mesmo equipo, que non só permite transformar en cadros impresionistas as nosas fotografías, senón tamén os nosos vídeos, buscando así sorprender aos nosos amigos en redes sociais.

Como servizo de pagamento

Nunha liña moi semellante está DeepArt, que ofrece de balde a posibilidade de converter imaxes en ilustracións con estilos artísticos recoñecibles, aínda que neste caso é un servizo freemium, ou sexa, que ten opcións de pagamento bastante interesantes, como a posibilidade de ter prioridade no procesado da nosa imaxe pagando 1,99 euros, poder ter versións das imaxes el alta definición (entre 19 e 149 euros), poder converter a imaxe procesada nun póster con marca de auga (69 euros) e imprimir a imaxe procesada sen marca de auga en cristal acrílico por 299 euros.Tamén ofrecen a posibilidade de converter vídeos por a partires de 99 euros.
Temos así un exemplo de como unha empresa consegue tirar proveito económico dun fenómeno nacido no ámbito das aplicacións móbiles, aínda que cómpre salientar que este proxecto é anterior a Prisma.

O equipo de DeepArt nunha fotografía procesada coa súa tecnoloxía

PUBLICIDADE