Varias aplicacións móbiles poderían ter conseguido irregularmente datos persoais en Facebook e Twitter

luns, 25 de novembro do 2019 Marcus Fernández

MobiBurn é unha das compañías acusada de distribuír os SDK que facilitaban o acceso irregular a datos persoais en Twitter e Facebook

Os numerosos escándalos ao redor da filtración de datos de redes sociais fixeron que cada vez haxa un maior escrutinio sobre o que se fai coa nosa información en plataformas sociais, e dende Twitter e Facebook están a alertar dunha actividade maliciosa producida a través dun kit de desenvolvemento de aplicacións para móbiles que permitía o roubo de datos persoais.
Dende Twitter detallan que non padecen un fallo de seguridade directamente, senón que unha falta de seguridade nos SDK empregados para a creación de aplicacións de terceiros facilitaba que certas aplicacións móbiles conseguisen extraer información como o correo electrónico, o nome de usuario e o último chío dos usuarios, existindo a posibilidade de que se puidese chegar a tomar o control dunha conta de Twitter (aínda que non se chegase a realizar nunca tal acción). Polo momento só detectaron estes problemas en Android, pero dende Twitter advertiron tanto a Google como a Apple para que tomen medidas para evitar problemas co SDK malicioso de oneAudience.
Dende Facebook non só apuntan a oneAudience, senón tamén a MobiBurn, deste tipo de prácticas, asegurando que borraron as aplicacións da súa plataforma que violaban as súas normas e mandaron ás compañías notificacións para pedirlles que cesasen tales prácticas. Dende MobiBurn responderon anunciando publicamente que cesaban as súas actividades mentres se investiga o asunto, incidindo en que non son responsables das actividades denunciadas, xa que operan como simples intermediarios entre desenvolvedores e empresas que explotan comercialmente datos persoais.
Este tipo de problemas de seguridade convida a revisar os permisos concedidos a aplicacións dende as nosas contas sociais, de xeito que, se detectamos algunha aplicación sospeitosa ou que hai moito que non empregamos, o mellor sería eliminala da nosa listaxe de aplicacións autorizadas.

PUBLICIDADE