Vagos.es pecha cautelarmente tras recibir unha notificación da Comisión Sinde

luns, 25 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Tras recibir unha notificación da Sección Segunda da Comisión de Propiedade Intelectual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (a coñecida vulgarmente como Comisión Sinde) na que informan do inicio dun procedemento para a protección de dereitos de propiedade intelectual na Rede a raíz dunha solicitude presentada por CEDRO en relación a ligazóns a obras literarias achegadas por usuarios de Vagos.es, a empresa Wamba Project, S.L. decidiu o peche provisorio dos foros da devandita web, para estudar o proceder ante estes feitos.
Dende Wamba Project comentan que, por recibir só unha notificación, e non trasladárselle o expediente completo tramitado polo Ministerio (contra o servizo de almacenamento de ficheiros Mediafire), instaron aos seus avogados a acadar unha copia do mesmo para pode formular alegacións para evitar a súa indefensión. Tamén están a estudar a situación, para poder continuar o funcionamento con garantías legais, procurando minimizar as repercusións nos dereitos fundamentais dos usuarios.
Tamén lembran que a xurisprudencia española sinala que os prestadores de servizo non son responsables de ligazóns a contidos que non albergan, como se concretou en numerosas causas contra páxinas como RojaDirecta, Cinetube, TvMix, IndiceDonkey... á vez que queren destacar que a Red de Empresas de Internet solicitou a impugnación do Real Decreto que regula o funcionamento da Comisión de Propiedade Intelectual.

PUBLICIDADE