VCN 2012 amplía o prazo para a achega de proxectos galegos susceptíbeis de acadar investimento

xoves, 16 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Gerardo Crespo, á esquerda, e Antonio Rodríguez del Corral na presentación aos medios de Vindeira Capital Network 2012

A nova convocatoria do encontro Vindeira Capital Network (VCN 2012) vai collendo corpo, con vistas a fortalecer ao máximo o obxectivo sobre o que se asenta: achegar distancias entre os proxectos galegos TIC e os axentes con potencial de abondo para darlles pulo (investidores e impulsores de negocio). Segundo fai saber a organización deste evento (unha xuntanza para facer realidade, con financiamentos, proxectos TIC que están na bandexa de saída), o prazo para inscrición destas iniciativas, susceptíbeis de atopar apoios, no proceso selectivo que dá acceso á terceira edición do encontro vén de ampliarse até o vindeiro 29 de febreiro.
Unha vez que remate este prazo, e tras comprobarse que os proxectos presentados cumpren os requisitos esixidos, os emprendedores serán convocados para a presentación das súas iniciativas ante o Comité de Selección de Proxectos de VCN 2012.
Este Comité, no que se integran o Comité Estratéxico do Cluster TIC Galicia, o Comité Executivo de Vindeira e profesionais dos eidos empresarial e académico, reunirase o 7 de marzo para decidir cales son os proxectos que finalmente participen na formación de emprendedores (Venture Academy) e na terceira edición de Vindeira Capital Network. Esta celebrarase os días 10 e 11 de maio en Santiago de Compostela. Ao longo destas dúas xornadas, quen teña entre mans un dos proxectos elixidos para participar na xeira de traballo, terá a oportunidade de amosar en todo detalle o miolo da súa iniciativa ante analistas, conselleiros delegados e directores de investimento dos máis grandes fondos de capital risco e business angels especializados en novas tecnoloxías da información de toda España. Segundo sinala o Cluster TIC de Galicia, a cita podería saldarse coa consecución de ata corenta millón de euros para o desenvolvemento dos proxectos. A terceira edición de Vindeira Capital Network está organizada por Vindeira-Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, a Universidade de Santiago e BIC Galicia, e promovido polo Cluster TIC Galicia e o IGAPE coa colaboración de Uninvest/Unirisco.

PUBLICIDADE