Univision faise con Gawker Media por 135 millóns de dólares

mércores, 17 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Que o grupo de comunicación Gawker Media entrase en bancarrota por mor dunha sentenza xudicial foi toda unha sorpresa, de xeito que cabeceiras en liña que podemos considerar referentes globais como Lifehacker, Gizmodo ou Kotaku quedaban á espera da súa compra polo mellor ofertante, que finalmente foi a rede televisiva e editor dixital Univision, que accedeu a pagar 135 millóns de dólares pola rede de blogs que inclúe ao polémico Gawker.com (que foi o causante da denuncia que levou ao grupo á quebra, por invadir a intimidade de Hulk Hogan).
Pode resultar un tanto sorprendente que un medio tan enfocado no público latino como Univision quixese entrar na poxa, pero foi o propio dono de Gawker Media, Nick Denton, quen recoñeceu o acordo de venda que protexerá os postos de traballo actuais, de xeito que os profesionais da comunicación afectados pola polémica bancarrota non verán como perigan os seus postos de traballo, aínda que cómpre salientar que a operación aínda non é oficial, xa que resta a aprobación por parte do tribunal concursal, que espérase que chegue en breve.
Pódese considerar que Univision fixo un grande negocio, xa que a intención inicial de Denton era vender Gawker Media por máis de 250 millóns de dólares, e con esta operación ampliaría a súa estratexia dixital para chegar a un público moi diverso, xa que, aínda que na pequena pantalla estean moi enfocados a un público latino, na Rede xa teñen medios como The Onion e The Root (destinados a un público de fala inglesa e, no último caso, de raza negra) e incluso a rede de contidos dixitais Fusion (que pretende captar ao público millennial).

PUBLICIDADE