Universidades de todo o ámbito estatal debateron en Compostela sobre seguridade informática

luns, 8 de maio do 2017 Redacción

A pasada semana, o 5 de maio, rematou finalmente a xuntanza compostelá dos integrantes da Sectorial TIC da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), reunión da que falamos os días pasados dende Código Cero, salientando a importancia de acubillar dende a nosa terra o debate acerca do que será o futuro tecnolóxico-dixital das universidades estatais. Ou sexa, a importancia de ser Compostela a orixe destes roteiros TIC. Amais da xuntanza asemblearia da Sectorial, a USC tamén serviu de escenario a unhas xornadas sobre a seguridade dos datos no eido dos campus. Segundo lembra a Universidade de Santiago, este grupo específico de traballo da CRUE ten como cometido “o estudo das necesidades e aplicacións destas tecnoloxías na xestión, a docencia e a investigación, propoñendo actuacións e proxectos conxuntos”.
Os membros desta comisión sectorial, na súa maioría responsábeis das estratexias tecnolóxico-dixitais das universidades españolas, compartiron durante dous días recursos e coñecemento arredor, sobre todo, da seguridade dixital. Na sesión do venres 5 de maio, Miguel Amutio, do Ministerio de Facenda e Función Pública, e Javier Candau, do Centro Criptolóxico Nacional, trataron o Esquema Nacional de Seguridade, mentres que a protección de datos de carácter persoal foi o tema que analizaron Andrés Calvo, da Axencia Española de Protección de Datos, e Vicente Andreu e Ricard Martínez, das Universidades Jaume I e Valencia, respectivamente.
A Comisión Sectorial de TIC da CRUE abrollou a finais de 2003 co nacemento dun grupo de traballo no seo da CRUE sensibilizado acerca do alcance e implicación das tecnoloxías da información nas universidades. En 2007 creouse finalmente esta comisión, encargada de elaborar e publicar o informe anual UNIVERSITIC de análise das TIC nas universidades españolas. Segundo informa a USC este documento (que vai polos 11 volumes) recolle o estado detallado do Sistema Universitario Español en relación coas TIC e ten como obxectivo a análise e planificación estratéxica das universidades españolas. O último UNIVERSITIC, correspondente a 2016, corrobora a aposta das universidades polas novas tecnoloxías como soporte e apoio da docencia: “A docencia virtual, a xestión de licencias software para docencia e o soporte a aulas de informática de uso docente están implantados practicamente en todas as universidades”.

PUBLICIDADE