Uninova organiza este martes unha xornada sobre a optimización das TIC

luns, 8 de outubro do 2007 Raquel Noya

Co obxectivo de impulsar o emprego das novas tecnoloxías nas empresas de nova creación e trasladarlles ós emprendedores os beneficios que se obteñen do correcto uso das TIC, a incubadora de empresas da Universidade de Santiago, Uninova, vai organizar mañá martes 9 de novembro, unha xornada de carácter práctico sobre a optimización das ferramentas TIC na empresa.
O acto terá lugar de 16:00 a 20:00 horas na aula 1 da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela e nel trataranse por unha banda a integración de diferentes ferramentas ofimáticas e por outra, o emprego das mesmas de xeito colaborativo, é dicir, por parte de varias persoas ó mesmo tempo.
A devandita xornada está financiada polo Proxecto Europeo TRANSTIC (Programa Transfronteirizo para a Consolidación de Redes de Cooperación entre empresas TIC), dentro da iniciativa Europea Interreg III-A. Os principais obxectivos deste proxecto son promover o emprego das novas tecnoloxías nas PEMES galegas, impulsar a creación de empresas TIC e levar a cabo unha cooperación transnacional no sector.

PUBLICIDADE