Unhas xornadas na UVigo lembran a fonda desigualdade de xénero que existe nas carreiras TIC

xoves, 29 de outubro do 2020 S. P.

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a través das súas profesoras, promoveu esta semana unhas xornadas sobre as discriminacións de xénero no actual panorama educativo, tanto xeral como universitaria, un feito que mostra “a existencia dun teito de cristal que e dunha desigualdade real que se perpetúa malia os avances na esfera formal”. Para analizar as causas destas eivas e da súa continuidade a directora do centro, Elena Alonso e a profesora Teresa Rivas puxeron en marcha unha actividade de dous días de duración que inclúen unha conferencia (este martes 27) e máis un obradoiro (o xoves 29) impartidos por Llerena Perozo, directora de Versátil Servizos Editoriais e especialista en comunicación e xénero, quen puxo o foco, entre outros asuntos, na fonda desigualdade que existe en ámbitos como a Enxeñaría en Informática.
Llerena Perozo comezou o seu relatorio deixando claro que, a pesar de que España é “un país cunha lexislación moi ampla e un nivel de igualdade formal dos máis altos do mundo”, aínda que “non podemos caer no engano de que con esta protección formal temos o camiño feito”. Na súa opinión, a realidade é outra, “na vida cotiá, na educación social e afectiva, na maneira na que aprendemos a pensar” mantéñense os roles de xénero. Sostén que os plans de igualdade ou as lexislacións non pode facer nada para “garantir xuridicamente” esa ansiada igualdade real. “A única maneira de que poidamos cambiar a nosa forma de enfocar a realidade é que cambiemos a nosa maneira de pensar, de ler a realidade e a nós mesmas e mesmos”.
Mostra de como os arquetipos e os roles xénero aprendidos na esfera privada acaban por filtrarse á pública son algunhas cifras do sistema universitario español, dixo Perozo, citando o feito de que nos graos de Informática só un 12,2% do alumnado son mulleres e, nas enxeñarías a cifra é do 28,4%. “Isto representa en si mesmo un fracaso social, porque seguimos asignando determinados roles e arquetipos a determinadas tarefas”. Salientou tamén que o 72% do profesorado nas diferentes etapas son mulleres; unha porcentaxe que baixa ao 66% nas universidades. Pero algúns datos son aínda máis significativos: “as mulleres representan o 96,7% do profesorado de Educación Infantil, desenvolvendo “o rol tipicamente feminino, a formación das crianzas”.
Tamén fixo fincapé no feito de que nas universidades, as mulleres, malia ser o 66% do persoal docente, só ocupan o 14% dos cargos directivos. “Aquí é cando comezamos a pensar ata onde chega a esfera privada e ata onde chega ese nesgo que nos coloca nunhas determinadas tarefas e comportamentos segundo o xénero, trasladando o rol dunha esfera á outra”.
Charla-obradoiro este xoves 29
A xornada deste martes complétase cun taller previsto para este xoves 29, tamén da man de Llerena Perozo, destinado a persoal docente da Universidade de Vigo, con preferencia para o profesorado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Esta actividade centrarase en identificar o sexismo na docencia universitaria, fundamentalmente nas propias profesoras.

PUBLICIDADE