Unhas xornadas da USC poñen o foco nos importantes beneficios da robotización no agro

luns, 11 de xullo do 2022 S. P.

Estes días estase a falar en Lugo, no Campus Terra, da frutífera confluencia entre tecnoloxías intelixentes de automatizacióin e sector primario. Estamos a falar das Xornadas sobre Robótica Agrícola e Gandeira que organiza a USC en colaboración coa Deputación de Lugo, de cuxa inauguración falamos este luns en Código Cero. Polo ciclo pasaron xa o responsábel de mercadotecnia de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, e o presidente de Kubota España, Germán Martínez, quen destacaron as vantaxes derivadas da automatización diante de máis de 70 participantes nunhas xornadas que proseguen este martes na EPSE con relatorios dos investigadores Ángela Ribeiro e Dionisio Andújar, do Centro de Automática e Robótica do CSIC.
Segundo fixeron saber Sánchez e Martínez, a transferencia de coñecemento e a progresiva implantación de solucións innovadoras orientadas á automatización de tarefas cotiás a través da robotización aumentan as producións nos sectores agrogandeiro e forestal, ao tempo que mellora o rendemento económico das explotacións, ao tempo que tamén redunda en maiores cotas de benestar das persoas e mesmo na calidade do traballo.
As xornadas, coordinadas polo profesor Javier Bueno e que continuarán este martes con dous novos relatorios a cargo dos investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC Ángela Ribeiro e Dionisio Andújar, serviron asemade para inaugurar o Programa de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría, unha iniciativa a través da que o equipo de dirección do centro universitario lugués pretende achegar aos membros da comunidade universitaria como ao público en xeral “formación complementaria específica que redunde tanto na mellora do seu grao de benestar como no progreso dun sector primario que tanta importancia ten na provincia de Lugo”, dixo a directora da EPSE, Rosa Romero.
A delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, remarcou na súa intervención neste foro, promovido en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, a Confederación de Empresarios de Lugo e a Fundación Agroalimentaria de Galicia, os novos folgos que reporta o Grao en Robótica para a oferta académica que imparte a USC na EPS de Enxeñaría, ao tempo que indicou que “o elevado grao de robotización que están a experimentar as explotacións agrogandeiras e forestais actúa como un novo acicate para que o futuro profesional no sector primario esperte máis atractivo entre as novas xeracións”.
Volvendo á intervención do responsábel de mercadotecnia de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, abriu este programa de relatorios cunha exposición sobre a robotización de explotacións de vacún de leite, no marco do que tratou algúns dos aspectos e as múltiples evolucións experimentadas polos robots de muxido desde a súa implantación hai xa tres décadas. Sánchez presentou tamén na súa intervención algunhas das últimas aplicacións desenvolvidas por esta multinacional especializada na prestación de recursos e servizos para explotacións de vacún de leite e que ten a vaca como centro da súa actividade.
O enxeñeiro agrónomo Germán Martínez, que é presidente de Kubota España e vicepresidente de Ventas da División de Tractores Kubota en Europa, deu continuidade á primeira quenda de intervencións deste foro coa charla Exemplos de innovación de kubota para o futuro sostible da agricultura, na que avanzou algunhas das últimas achegas nas que está a traballar esta multinacional con sede en Xapón.
A segunda xornada deste ciclo sobre robótica agroforestal e gandeira céntrase no labor que desenvolve a comunidade científica. Así, os investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC Dionisio Andújar e Ángela Ribeiro, ofrecerán este martes cadanseu relatorio baixo o títulos Robots intelixentes en Agricultura. O futuro xa está aquí e Cultivando con datos: cara a agricultura robótica de precisión.

PUBLICIDADE