Unha xira de espectáculos divulgativos busca fomentar a ciencia e o emprendemento

xoves, 23 de febreiro do 2012 Redacción

Para conmemorar o 20º aniversario de Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia, organizan os Espectáculos de Ciencia, que percorrerán as 7 cidades galegas para achegarse a máis de 8.000 futuros investigadores e emprendedores da nosa comunidade. Dentro desta iniciativa tivo lugar hoxe na sede coruñesa da Fundación Barrié o espectáculo Ciencia ou Ficción, no que se realizan experimentos que permiten aos estudantes entender mellor o que ocorre detrás das cámaras para construír o mundo de ficción que amosa o cine.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou a xornada de hoxe, sinalando que “a consellería quere espertar a vocación científica nos alumnos de secundaria, bacharelato e ciclos formativos” porque “eles xerarán o coñecemento que nos axudará a ser máis fortes e competitivos, xa que o futuro de Galicia pasa por un modelo produtivo baseado no coñecemento”. Tamén animou persoalmente aos máis novos a descubrir a ciencia “perdendo o medo a preguntar” e sinalou que con esta experiencia “intentamos espertar a curiosidade dos máis novos, sementando neles o interese pola ciencia”.
Guerra engadiu que o aniversario de Tecnópole “é o mellor escenario para impulsar o salto cara a unha cultura empresarial baseada na innovación” e lembrou que o traballo da Consellería co Parque Tecnolóxico de Galicia permitiu reforzar as iniciativas orientadas á divulgación da ciencia e a tecnoloxía.

Espectáculos de Ciencia


Os Espectáculos de Ciencia supoñen un reto importante para Tecnópole, xa que por primeira vez trasladará a súa actividade divulgativa a localidades de toda Galicia, durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio. Estas sesións duran 50 minutos, adáptanse ao nivel académico dos alumnos e complétanse con guías didácticas, para que os profesores poidan sacar o maior proveito da experiencia na clase, afondando nos coñecementos adquiridos.
En total, son catro os espectáculos propostos: Ciencia ou Ficción, Raios e Centellas!, Forzas e Enerxía, e Maxia e Química. Neste mes, os rapaces poderán participar no primeiro deles, para descubrir con películas como Mars Attacks, Tiburón, ou a Guerra das Galaxias o que ocorre detrás das cámaras.

PUBLICIDADE