Unha web permítenos saber o noso talle exacto nuns segundos e sen medirnos

xoves, 12 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Na Rede hai de todo e mesmo hai recursos para cubrir un baleiro importante de cara ás nosas compras de material téxtil: a imposibilidade de tomarnos medidas exactas antes de mercar roupa e saber así que artigo é o que máis nos convén. Cara a amañar isto diríxese o servizo Verisize.com, unha web que vai alén, en alcance e potencialidade de uso, do que se achega nas tendas en liña de roupa, que decote proporcionan guías de talle para tentar solucionar o problema. Verizise, sinalan os seus responsábeis, é quen de saber o talle exacto do usuario “en só uns segundos, para calquera marca e prenda, e sen que este teña que medirse nin usar complexas guías”.
O servizo xurdiu a partir dunha colaboración coa spin off do Centro de Visión por Computador, entidade asociada á Universidade Autónoma de Barcelona. A súa arela é facilitar a compra e reducir as devolucións por problemas de talle, beneficiando tanto ao consumidor como (tamén) á tenda en liña. Para a súa materialización empregouse unha base de datos de máis de 50.000 persoas de complexións diferentes e aplicáronse algoritmos e técnicas de regresión múltiple, acadando “unha alta precisión”.
A aplicación informática, sinálase, é compatíbel con calquera tenda de roupa en liña e “é extremadamente doada de usar”. A súa función, engádese, é indicarnos cal é o noso talle exacto para calquera prenda e marca. Nós o único que temos que facer é introducir datos de altura, peso e saúde, e elixir a complexión de entre seis posíbeis perfís. Logo, o sistema calcula as medidas do noso corpo e procésaas cos talles da marca da tenda, fornecéndolle o talle exacto. Segundo apuntan os responsábeis do servizo, só pasan uns segundos entre o intre en que damos os datos e o de recibir o talle.

PUBLICIDADE