Unha rapaza do IES de Beade, a mellor opción de voz para o TomTom

mércores, 23 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Os navegadores TomTom serán moi útiles para metérmonos en viaxes enleadas e en cidades grandes, pero (os usuarios galegos sabémolo ben) carecen dunhas cantas cousas ás que xa vai sendo hora de atoparlles solución. Un exemplo disto é o silencio ao que nos someten nas longas rectas das autoestradas das que non sairemos até horas máis tarde. Quen non pensou no ben que virían unhas cantas frases feitas, con denominación de orixe galega, para que a volta da voz do TomTom, horas despois, non nos dese un susto de arrepío? Asemade, quen non botou en falta que nos falase na nosa lingua? Segundo conta a CiberIrmandade, estes baleiros xa se van enchendo. Por exemplo da man do Departamento de Normalización en Dinamización Lingüística do IES de Beade que vén de habilitar unha voz en galego para os GPS TomTom. A voz provén dunha rapaza chamada Irene, alumna de terceiro curso de ESO.

Irene Luaces

De querermos escoitala (e somos moitos os que si) en detrimento das opcións neutras e impersoais que nos dan de serie, só teremos que escoller entre dúas opcións. Por unha banda, tirando partido do programa TomTom Home para descargala e instalala de xeito automático no noso aparello navegador, para o que temos que escribir na aplicación “Irene-IES Beade” ou incluír “galego” como filtro.
Por outra banda, tamén poderemos usar a vía da descarga directa no computador. Logo, unha vez no noso equipo, cómpre descomprimir o ficheiro e copiar os tres ficheiros (data90.chk, data90.vif e data90.bmp) no cartafol voices do trebello GPS.
Por certo que a achega de opcións non remata aí e, de feito, esta alternativa do IES de Beade non é nova. Segundo contan en Chuza!, o blog de Opaco xa nos ten deparado máis voces en galego para os nosos aparellos do coche.

PUBLICIDADE