Unha proposta de lei nos EE.UU. podería prohibir TikTok

mércores, 8 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Un grupo de senadores estadounidenses (Tammy Baldwin, Deb Fischer, Joe Manchin, Michael Bennet, Dan Sullivan, Kirsten Gillibrand, Susan Collins, Martin Heinrich e Mitt Romney) presentaron a Lei de restrición da aparición de ameazas de seguridade que poñen en risco as TIC tamén coñecida como RESTRICT Act, que pretende protexer aos EE.UU. das tecnoloxías que chegan de países que consideran adversarios (China, Cuba, Irán, Corea do Norte, Rusia e Venezuela).
A proposta lexislativa quere que o Departamento de Comercio poida tomar medidas ante as ameazas á seguridade nacional a través do ámbito TIC, o que iría máis aló da prohibición de TikTok, senón que buscaría blindar os EE.UU. de ameazas provocadas as operacións electrónicas e o tratamento de datos que poidan facerse dende países nos que non confían, avanzando na liña das sancións contra Huawei, ZTE ou Kaspersky Lab, pero con intervencións máis xerais, para non ter que ir actuando compañía a compañía.
Temos así que a ameaza de TikTok sería o detonante dunha lexislación que non só sorprende por chegar de senadores tanto demócratas como republicanos, senón polo feito de que a Casa Branca xa manifestou o seu apoio á iniciativa.
Os senadores que presentan a proposta aseguran estar preocupados pola protección da privacidade e, ao igual que non queren que o seu goberno poida saber todos os pasos de cada cidadán, menos aínda queren que sexan gobernos estranxeiros os que poidan invadir a privacidade dos estadounidenses.
Está previsto que este mesmo mes Shou Zi Chew, director xeral de TikTok, declare ante a Comisión de Comercio e Enerxía nos EE.UU., polo que nas vindeiras semanas veremos como avanza este conflito que podería rematar co éxito global de TikTok de aplicarse sancións na liña das que padeceu Huawei.

PUBLICIDADE