Unha política estadounidense tivo que facer limpa en Twitter tras deixar o seu cargo

mércores, 2 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A presenza en redes sociais de cargos públicos pode ser todo un problema, xa que hai que saber distinguir entre a persoa e o cargo, de aí que, por exemplo, o presidente Obama activase a conta de Twitter @POTUS para chíos oficiais, de xeito que esa mesma conta está actualmente baixo o control da actual administración da Casa Branca, ou sexa, que era preciso manter ben diferenciadas as contas @POTUS e @BarackObama, algo que non fan todos os políticos, o que pode ter consecuencias, como vén de padecer en primeira persoa Nikki Haley, que conseguiu certa visibilidade como embaixadora dos EE.UU. na ONU e como gobernadora de Carolina do Sur, e que, en cumprimento coa lexislación, tivo que facer unha limpa da súa conta de Twitter, eliminando seareiros e contidos, polo que insta agora aos seus partidarios a que volvan seguila.
Haley contaba cuns 1,67 millóns de seareiros en Twitter, e tivo que despedirse deles en cumprimento das normas que queren evitar que os políticos poidan tirar proveito de cargos de alto nivel para acumular seareiros en Twitter. Este caso resulta interesante por un par de detalles: rumoréase que Haley podería aspirar á carreira presidencial; e Donald J. Trump, pese a contar coa conta de @POTUS, continúa a chíar coa súa conta persoal sobre temas públicos, ou sexa, que de seguir as normas ás que someteuse Haley tería que dicir adeus aos seus 56,8 millóns de sereiros en Twitter.

PUBLICIDADE