Unha plataforma en liña descubrirá o uso que a mocidade galega fai das novas tecnoloxías

mércores, 8 de xaneiro do 2014 Redacción

Para que empregan os adolescentes galegos as novas tecnoloxías? Esta pregunta atopará resposta nos vindeiros meses coa posta en marcha dunha plataforma en liña que recompilará datos reais sobre o uso que a mocidade galega fai das novas tecnoloxías. Este é o obxectivo do convenio de colaboración asinado esta mañá entre o Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez; o reitor da Universidade de Santiago, Juan José Casares Long; o profesor titular da USC, Antonio Rial Boubeta e, por parte da Xunta de Galicia, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
Segundo se sinala, esta ferramenta é unha peza chave da estratexia que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver a prol da mellora da convivencia nas aulas. Deste xeito, esta idea vai ter como fonte os datos recollidos nos centros educativos galegos que imparten secundaria, unha información que vai permitir afondar nos programas de prevención de riscos no uso da rede. A plataforma informática -que será desenvolvida pola Xunta a través da AMTEGA- permitirá recoller por medio dunha ferramenta en liña datos en todos os centros de educación secundaria de Galicia arredor do uso que os menores, en especial os adolescentes, fan de internet e as novas tecnoloxías, garantido en todo intre o seu anonimato e confidencialidade.
O proxecto quere concienciar da necesidade de vixiar os comportamentos dos menores coas tecnoloxías. O Valedor do Pobo liderará o proxecto e encargarase do asesoramento técnico-xurídico preciso para o seu desenvolvemento, en concreto sobre aspectos que poden gardar relación coa protección de datos ou dos menores. Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria encargarase de sensibilizar e formar aos profesionais educativos para que fagan uso da ferramenta e poñan en valor este sistema desde o seu papel de chanzos na cadea de transmisión de valores e educación dos adolescentes. A AMTEGA é a encargada (xunto cos técnicos da USC) do desenvolvemento da aplicación informática, da súa posta en funcionamento e do seu mantemento. Mar Pereira sinalou que a aplicación incluirá unha interface de entrada de datos que posibilitará a recollida on-line de información dos centros. En base a esta información a USC elaborará os estudos relativos ao uso que das novas tecnoloxías fan os rapaces e rapazas galegas, a través de indicadores que contan cun niveis elevados de fiabilidade, validez, sensibilidade e especificidade, froito dun amplo traballo científico. Engadir que a AMTEGA achegará aloxamento tanto a ferramenta coma aos datos no Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta de Galicia, garantindo a seguridade e confidencialidade da información obtida.

PUBLICIDADE