Unha plataforma de datos abertos contribuirá á mellora da atención sanitaria pública

luns, 22 de agosto do 2022 Redacción

A Xunta vén de publicar na plataforma de contratos de Galicia o contrato para a creación do Observatorio de Saúde de Galicia, unha iniciativa que ten como premisa dar resposta aos seguintes obxectivos: facilitar unha visión agregada, o máis completa posible do estado de saúde da comunidade; servir de axuda na toma de decisións, nos distintos niveis da saúde pública; servir de instrumento de axuda para a investigación en materia sanitaria, facilitando datos dun modo sinxelo e aberto para os expertos; ou proporcionar un cadro de mandos de apoio á xestión da Dirección Xeral de Saúde Pública.
Xustamente, no último trimestre do 2021, e coa intención de informar sobre o presuposto que o Executivo galego destinaría á sanidade pública no 2022, o conselleiro de Sanidade avanzara no Parlamento que os programas de protección da saúde pública chegarían ata un investimento de 28,9 millóns, que se dedicarían, entre outros temas, a desenvolver proxectos como o Observatorio galego de saúde pública.
A día de hoxe, o Observatorio conta cun presuposto base de licitación superior aos 800.000 euros. Os traballos de creación, posta en marcha e mantemento divídense en catro fases, que van do 2022 ao 2024. Ademais, financiarase ao 100 % no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.
Segundo se especifica no prego de prescricións técnicas, entre as funcións do Observatorio salientan: a creación dun espazo de coñecemento sobre a información en saúde, a través dunha serie de informes periódicos; garantir que esta información chegue dun xeito comprensible ao maior número de axentes da saúde; e o vínculo da información en saúde dos indicadores ás diferentes actuacións que se están a desenvolver en Galicia neste eido.
Por outra banda, o Observatorio prevé a creación dun apartado que reflicta a actividade realizada pola Dirección Xeral de Saúde Pública nos seus ámbitos de actuación. Este apartado incluirá información sobre os programas de cribado, plans e programas de sanidade ambiental, programas de seguridade alimentaria e de prevención e control de enfermidades transmisibles.

PUBLICIDADE