Unha plataforma con participación galega facilita a presentación de proxectos en Kickstarter dende España

luns, 14 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Os responsables de Gato Salvaje explicaron o seu proxecto en Kickstarter durante a pasada edición de Hobby Con

Nos últimos meses non foron poucos os proxectos que buscaron atopar financiamento a través do micromecenado, pero no ámbito estatal destacan principalmente pequenos proxectos culturais, pois plataformas como Verkami, Lánzanos ou Goteo teñen unha repercusión bastante limitada, lonxe de plataformas máis globais como Kickstarter, que ten como principal atranco que só está dispoñible para proxectos xestionados dende EE.UU., Reino Unido e Canadá, o que non impediu que a galega Gato Salvaje conseguise completar o financiamento do seu xogo AR-K a través desta canle.
Para que este estudio independente puidese emprender esta iniciativa tivo que contar con socios nos EE.UU., cos que decidiu crear a plataforma de servizos a empresas Start Your Business International Consulting, que ten como obxectivo facilitar a outros proxectos españois seguir os pasos de Gato Salvaje e presentar os seus proxectos en Kickstarter, beneficiándose do grande escaparate que supón esta xigantesca plataforma de micromecenado que captou máis de 817 millóns de dólares a preto de 50.000 proxectos.
Os servizos de Start Your Business International Consulting van dende a intermediación para optar a Kickstarter como ao asesoramento lega e fiscal, a consultoría de negocio, a dirección artística, a animación 3D ou a xestión da presenza en redes sociais.
O socio de Gato Salvaje e fundador de Start Your Business, Fernando Prieto, asegura que “ata a data presentáronse poucos proxectos españois en Kickstarter, e case todos utilizando amigos ou coñecidos aos que se pide axuda. Nós queremos profesionalizalo e ofrecer unha estrutura de apoio legal, fiscal e de deseño dos proxectos, para que todo o que teña unha boa idea e ganas, poida intentalo”.

PUBLICIDADE