Unha parte importante das vivendas con antena colectiva aínda non fixo as adaptacións do Dividendo

luns, 16 de marzo do 2015 Redacción

O proceso do Dividendo Dixital, o procedemento polo cal se debe despexar a banda de frecuencia até o de agora ocupada para a difusión de canles de TV (a banda dos 800 MHz, ou sexa as canles 60 a 69), conclúe de maneira definitiva este 31 de marzo. O Dividendo, que deixa ceiba a dita banda para o despregue de servizos avanzados de comunicacións en mobilidade (tecnoloxía 4G), obriga aos cidadáns a unha serie de medidas, de diferente complexidade dependendo de cales sexan as características da súa vivenda ou localización. No extremo máis complexo atópanse os fogares con antenas colectivas, moitos dos cales, segundo apuntan o Goberno central e autonómico, aínda non fixeron as adaptacións precisas para recibir as canles de TV nas novas frecuencias.
Como dixemos, o proceso afecta a todos os cidadáns, aínda que non de igual maneira. Para comezar, atinxe a España pero tamén a toda Europa. De feito, a liberación do Dividendo é un traballo que se está a desenvolver de xeito harmonizado en toda a contorna da Unión, implicando que as canles de televisión que se atopaban na banda a liberar se foran emprazando ao longo destes meses noutras frecuencias.
En Galicia, sinala o Goberno autonómico, o Dividendo Dixital afecta a todos os fogares xa que tanto as canles de TVE coma das televisión privadas de cobertura estatal están a ser trasladadas a outras frecuencias, ao igual que as canles de ámbito autonómico (TVG, TVG2 e V Televisión) no noroeste da provincia da Coruña e na provincia de Pontevedra, obrigando a resintonizar os aparatos receptores.
No caso das vivendas que comparten unha instalación de recepción colectiva (xeralmente edificios con 3 ou máis vivendas) resulta preciso pórse en contacto cun instalador de telecomunicacións rexistrado para que realice as adaptacións necesarias na antena colectiva do edificio, antes de proceder á resintonización dos receptores nas vivendas.
Segundo lembran estes días os Gobernos central e galego, “cómpre non demorar a solicitude de adaptación das instalacións de antena colectiva pendentes de reaxustar, dada a proximidade do día 31 de marzo e que aínda resta por adaptar un elevado número de instalacións”.
O Ministerio de Industria, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e da Sociedade da Información, activou unha liña de axudas dirixida ás comunidades de propietarios para a adaptación das instalacións colectivas de recepción de TV. O prazo de solicitude está aberto ata o 30 de xuño. Os beneficiarios deben aportar factura da empresa instaladora. As subvencións oscilan entre os 150 e os 500 euros, en función do alcance da adaptación.
Pola súa parte, os cidadáns que reciben as canles a través da TDT SAT, non se verán afectados por este proceso.
Fases do Dividendo Dixital
Logo da reordenación de canles levada a cabo o 26 de outubro do pasado ano, que obrigou á resintonización de boa parte dos receptores, iniciouse o proceso de antenización e resintonización, que consistiu, primeiro, en acometer as adaptacións precisas na antena comunitaria dos edificios de tres ou máis vivendas, e segundo e máis sinxelo, en sintonizar de novo os receptores vivendas para recibir de xeito correcto as canles afectadas polo Dividendo Dixital nas novas frecuencias (antes de que remate o prazo establecido para o cese, prazo que foi ampliado do inicial 31 de decembro pasado ao vindeiro 31 de marzo).
Co obxectivo de facer máis doado o proceso de adaptación das antenas, as cadeas de TV activaron a emisión simultánea das súas canles, tanto nas novas frecuencias asignadas coma nas que cesarán o 31 de marzo, naquelas estacións que dan cobertura a un número significativo de vivendas con antena colectiva.
Na zona de cobertura das estacións sen emisións simultáneas, deben volver sintonizarse os receptores e adaptar a antena se é de tipo colectiva, coordinadamente cos reaxustes programados polas cadeas de TV.
En relación ás actuacións na rede oficial autonómica, a través da cal se emiten as canles TVG, TVG2 e V televisión, o 23 de decembro de 2014 executouse por parte do operador galego RETEGAL a derradeira das actuacións de reaxuste ás novas frecuencias previstas ao abeiro do plan para a liberación do Dividendo Dixital.
Dende ese día, cunha semana de anticipación sobre a data límite anterior, é posíbel recibir o múltiple autonómico de Galicia nas novas frecuencias en todas as estacións oficiais, mantendo as emisións simultáneas nas estacións que dan cobertura a un número significativo de instalacións colectivas ata o 31 de marzo. Nesta data, como dixemos, producirase o cese das frecuencias a despexar, como consecuencia do Dividendo Dixital. Polo tanto, e isto é importante, aquelas vivendas con antena colectiva que non efectuasen o labor adaptación deixarán de recibir as canles que mudaron de frecuencia. Co fin de recuperalas, informa o Goberno central e a Xunta a través de RETEGAL, será precisa a adecuación da antena comunitaria por un instalador autorizado e a posterior sintonización dos aparellos receptores de cada fogar. Por certo que se a instalación non é de tipo colectivo, pode resultar necesario sintonizar os aparellos e reordenar a listaxe de canles para a situación final.
Información á cidadanía
O remate das emisións das canles afectadas polo Dividendo dixital é un proceso que se desenvolve a nivel nacional coordinado entre radiodifusores e dirixido polo Goberno do Estado, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información. “Os cidadáns”, informan as administracións implicadas, “están informados de xeito permanente do proceso e das súas implicacións a través da campaña de comunicación xeral iniciada polo Goberno o pasado 15 de outubro de 2014, e que se estenderá ata o 31 de marzo de 2015, a través de anuncios en prensa, radio e televisión”.
Aínda que a data de cesamento establecida de xeito xeral é o vindeiro 31 de marzo, nalgunhas zonas concretas pode ter que realizarse en datas distintas por razóns técnicas. En calquera caso, nos días anteriores ao cesamento previsto para cada centro emisor intensificarase a comunicación a nivel local, detallando o horario de remate ou dos cortes para o reaxuste, as localidades e as poboación afectadas, as canles que cesan e a nova frecuencia na que se activan e a hora a partir da cal os cidadáns poden facer unha nova busca nos receptores para adaptar a listaxe de canles á situación final. Para máis información, as 24 horas, recoméndase visitar televisiondigigal.gob.es ou chamar aos teléfonos 901 201 004 e 954 307 796.

PUBLICIDADE