Unha panadería de Aldán crea unha tenda en liña para levar os seus produtos a toda a Península en 24 horas

martes, 13 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Houbo un tempo en que vender por Internet non semellaba ter moito futuro. Os escépticos dicían que a xente nunca se ía fiar, que era unha moda pasaxeira, que non se ofrecían garantías de calidade, etc. As cousas mudaron, e tanto. De feito, nos últimos estudos da CMT infórmase que as vendas a través de Internet foron no primeiro trimestre deste ano un 23,1% maiores ca en 2010, chegándose ás 30,2 millóns de transaccións. Esta lea vén a conto para falarmos dun tipo de tenda en liña que moitos, hai anos, considerarían imposíbel de adaptar á Internet: unha panadería. Podémola ver en riglesias.es, unha iniciativa desenvolvida por Desoños, posta en marcha este luns día 8, e que converte a empresa Iglesias Panadería-Pastelería de Aldán, Cangas, nun establecemento sen límite.
Isto quere dicir, entre outras moitos cousas, que nin será preciso achegármonos aos seus locais físicos para mercar pan galego e outros produtos (empanadas, empanadiñas, doces), aínda que tamén se manteña este xeito tradicional de facer as cousas. Segundo informa a empresa, poderemos mercar a calquera hora e recibir o que desexemos en só 24 horas, só para a Península.
A panadería, fundada por Rogelio Iglesias Espiñeira, ten tras de si unha longa experiencia na elaboración artesanal do pan galego, máis polo miúdo cincuenta anos de labor, polo que aínda ten máis mérito este chimpo integral ao eido das novas tecnoloxías e ás vantaxes de mercado e espallamento que estas poñen en xogo. Iglesias Panadería, que conta con cinco tendas propias nas localidades de Aldán, Cangas e Moaña, achega na súa páxina innovación polos catro costados: tanto na forma, especialmente coidada e conseguindo un axeitado equilibrio entre deseño e funcionalidade, como nos contidos e recursos dispoñíbeis, todos eles presentados e distribuídos para que non haxa nada que se interpoña entre o visitante e a función fundamental da páxina: pór o pan galego ao alcance da man de calquera.
Asemade, incorpora seccións para dar acubillo ás novidades da empresa, presenza en Facebook e máis ferramentas para localizar os puntos de venda.

PUBLICIDADE